Desde Nós Diario:
“O xurado dos Premios da Cultura Galega, reunido esta terza feira en Santiago de Compostela, outorgou os galardóns da edición deste ano após unha xuntanza presidida polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que tivo lugar na Cidade da Cultura. Esta gala busca distinguir “a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural do país”.
Na categoría de Letras, a premiada este ano é Marica Campo. O xurado quixo premiar a súa prolífica traxectoria na literatura infantil e xuvenil. “Cunha singular e contundente voz literaria, destaca pola seu compromiso para achegar a lingua galega ás xeracións máis novas, o seu labor pola defensa da cultura galega e polo seu activo traballo para fomentar valores como o feminismo, o ecoloxismo ou a solidariedade”, xustifican.
En segundo lugar, o premio de Artes Visuais vai parar á filla de Ricardo Carvalho-Calero, María Victoria, historiadora da arte galega especializada en arte contemporánea, arquitectura e cidade. A organización deste certame salienta dela a súa “ampla bagaxe” na investigación académica e a difusión cultural da autora no que atinxe á arte galega do século XX.
Melania Cruz, pola súa parte, é a elixida na categoría de Artes Escénicas. Diplomada en Maxisterio pola USC e titulada en Arte Dramática pola ESAD da Galiza, Cruz iniciou a súa carreira de interpretación no teatro, en 2004, e debutou na gran pantalla unha década despois da man do director Ignacio Vilar con A esmorga. Conta con varios galardóns no seu haber.
En Audiovisual, o premio é para Xosé Ramón Gayoso, o incombustíbel presentador do Luar. “O seu rostro aparece desde o primeiro minuto da emisión da TVG, e desde entón mantense na pantalla nun dos programas máis lonxevos”, subliña o xurado.
O programa de cursos universitarios internacionais ‘Música en Compostela’ leva o Premio da Cultura Galega de Música. Nados en 1958, estes cursos “realizan un labor de preservación, coñecemento, formación e difusión do patrimonio musical”, precisan.
Manuel González González é premiado en Lingua, ao ser o filólogo “un dos intelectuais galegos máis relevantes do último século” pola súa “dedicación ao estudo, defensa e promoción da lingua galega”.
A asociación cultural Xacarandaina, que vén de celebrar o 40º aniversario, gaña na categoría de Patrimonio Cultural como “referente da recuperación e catalogación dunha base importante do legado artístico tradicional galego”.
Finalmente, o programa de divulgación científica ‘Conciencia’, impulsado pola USC, recibe o galardón de Proxección Exterior. “É unha plataforma de lanzamento da imaxe de Galicia cara ao exterior en base ao seu talento”, indica a organización.”