Falan as mestres galegos do terror infantil: «É brutal ver a nenos querer sacarte a ombros dun colexio de Santiago por un conto de medo»

Desde La Voz de Galicia:
“Admite que de nena era medorenta. «Tiña receo a estar soa, á escuridade, ao que podía haber debaixo da cama e non me atrevía a mirar, pero encantábame ler historias coas que sentía pequenos arrepíos», confesa Paula Carballeira, unha das escritoras e narradoras orais que máis contribúen a sumar adeptos á corrente dos libros infantís de medo, un xénero no que Galicia fala con voz propia e incorpora, non só no Samaín, títulos calorosamente recibidos.
«O medo é un sentimento que esperta aos rapaces, ponos en alerta e dálles curiosidade. Queren que llelo provoque para ver como poden vencelo. A súa enorme imaxinación agranda todo o que contas», defende a recoñecida autora, que este ano asinou dous libros sobre a temática. No álbum poético A pantasma da illa de Cortegada (Triqueta Verde), logra a complicidade dos primeiros lectores con Maruxa a Brava, unha muller que aposta unha empanada a cambio de pasar unha noite nunha illa onde se di que viron bailar a unha pantasma. En Trece avisos. Contos para ler pola noite (Xerais), explora, para mozos, medos atemporais, como soños premonitorios, cuartos perigosos ou chamadas por teléfono aterradoras. «Nesta obra hai unha serie de avisos que indican que algo extraordinario vai suceder, pero se se teñen en conta, se se bota man do coñecemento, non vai pasar nada. A miña gran motivación para tratar o xénero, máis alá de buscar o efecto, a risa ou o susto, foi axudar aos rapaces a enfrontarse ao medo; tranquilizalos coa ficción», remarca a escritora, que acompaña cada historia dese libro con citas ou testemuños reais. «Varios son de estudantes dunha escola de Leganés, a onde me convidaron. Cando cheguei, os alumnos agardábanme cun ataúde de cartón no que quixeron compartir ideas ou vivencias. Os contos de medo falan de situacións que a xente debe crer», resalta.
«O máis incrible que me aconteceu pasou nun centro de Santiago. Eu fun falar dun libro, pero os rapaces, de dez anos, insistiron en que lles contase unha historia. Optei por unha que ten un sobresalto final. Asustáronse moitísimo. Houbo un berro, despois quedaron calados e, inmediatamente, chegou a risa e un aplauso final. Esa mañá tiña máis encontros no colexio, pero eses nenos non paraban de seguirme, preguntando pola historia. Ata querían sacarme a ombros do centro. Nunca me sucedera iso. Foi brutal verlles gozar así cun conto de medo, querer agradecermo», subliña, razoando ese tirón. (…)
Tamén feliz ante unha comuñón cos lectores que non cesa, declárase Ledicia Costas, a autora viguesa que axudou no 2014, a partir do éxito de Escarlatina, a cociñeira defunta —unha suculenta novela sobre unha chef que prepara receitas de vivos e mortos—, a que a corrente de medo se estendese por Galicia. «Cando chego a un colexio, nenos que a leron lévanse unha sorpresa ao non entender que eu estea viva. Pensan que, se sei tantas cousas do inframundo, debo estar morta», explica divertida. «Durante moito tempo os profesores presentábanme como Escarlatina en vez de como Ledicia ante a forza do personaxe», engade aínda marabillada polo eco dun libro xa traducido a idiomas como o coreano e que rematará o ano falando checo. «Moitos rapaces din que na súa casa non se trataba a morte e que co libro a comprenderon mellor. Agradéceno, sobre todo ao abordarse de forma lúdica, desmitificadora», sostén a autora, que insiste en que foi ese tabú, xunto a súa paixón polo gótico, o que a centrou no eido.
No 2020, nun ano complicado, conquistou de novo aos rapaces con Vampira de biblioteca (Xerais), unha divertida historia sobre unha vampira vegana e uns morcegos que adoecen polo xamón. Unha obra de moito humor —«a iso non renuncio, ao ser o motor que me permite tratar todos os temas»— na que interpela ao lector para que anote os seus medos. «Foi unha aprendizaxe ver que os temores dos pequenos son cotiáns, semellantes aos dos adultos, como o receo á soidade, ao abandono ou á perda dun ser querido», resalta. (…)”