Esther F. Carrodeguas, María Marco, Soraya Lema e Abraham Pérez xa están traballando nos seus proxectos en Mariñán

Desde a Deputación da Coruña:
Esther F. Carrodeguas, María Marco, Soraya Lema e Abraham Pérez xa están traballando nos seus proxectos no marco das últimas Residencias Artísticas Mariñán deste exercicio 2022. Trátase das Residencias dedicadas a Literatura e Pensamento, que lles permitirá ás catro persoas seleccionadas traballar sobre os seus respectivos proxectos e desenvolver o plan de traballo que presentaron nas súas memorias de selección.
Ao igual que na estadía do mes de xullo destas mesmas Residencias, tamén nesta ocasión se programan dúas actividades complementarias e abertas ao público en Betanzos. A primeira terá lugar o venres 9 de decembro na Libraría Biblos ás 19:30h e estará encabezada pola escritora Teresa Moure; mentres que a segunda terá lugar o mércores 14 na Fundación CIEC e o escritor convidado será Xesús Fraga. (…)
No mes de xullo xa desenvolveran a súa estadía en Mariñán Andrés Sanjurjo, Vanesa M. Sotelo, na modalidade de Literatura, e Paula Domínguez e Judith Ruso, na de Pensamento. Agora, e ata o vindeiro 16 de decembro, está a ser a quenda de Esther F. Carrodeguas e Soraya Lema Carballo, na modalidade de Literatura, e de Abraham Pérez Fernández e María Marco –en substitución de Xerardo Pereiro Pérez, que renunciou por motivos laborais– na de Pensamento.”