Entrevista de Laura Veiga a Paula Carballeira en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Facer memoria é un xeito de recuperar a transmisión oral?
– Paula Carballeira (PC): Está relacionado sobre todo coa memoria dos lugares, é reconstruír a historia dun sitio a través da memoria da xente. Queremos facer ver que se a nosa cultura sobreviviu tantos séculos é porque se lle daba valor a memoria, ao que nós somos. Traballamos co colectivo Mazarelos, que nos elabora unha pequena documentación sobre o lugar escollido. Cando nos poñemos en contacto co Concello, diríxenos a asociacións que dinamizan o lugar e estas fannos de ponte con algunhas persoas que acceden a estar con nós. Así, temos un encontro e en función da documentación que temos voulles sacando pequenas historias ou lembranzas.
Facémolo en dúas parroquias. Son tres xornadas de encontros e na última facemos unha pequena experiencia escénica na que resumimos o noso paso polo sitio, as historias que nos contaron e tamén chamamos a xente para que o conte alí. Eu vou fiando con outras historias que xa sei ou que me lembran a outros lugares ou outras lendas. Por iso é peculiar, porque para nós require dun proceso moi diferente ao dunha montaxe teatral ao uso.
– ND: É unha forma de que o público tamén estea implicado.
– PC: Sobre todo despois do confinamento, sentimos a necesidade de mudar a nosa relación co público. Non é só chegar e ofrecer os espectáculos, que tamén está moi ben, senón estabelecer un contacto moito máis directo. É unha cuestión de darlle valor a cousas que se non se expresan, se perden. Quixemos probar este espectáculo experiencial coidando que teña un certo ritmo e tamén o que dicía, botando eu man de contidos, contos e lendas que xa traballei. A dificultade neste tipo de proxectos é que non podes prever moita cousa: ao mellor levas algo preparado da casa e resulta que non lles interesa falar diso e queren outra cousa totalmente distinta. Tamén hai que ter en conta que traballamos con persoas que non teñen unha noción escénica, actuamos moitas veces de moderadoras. (…)”