Entrevista a María Solar en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): «Nada se entenderá de todo se non regreso ao punto de partida», escribe Mirtha no comezo do seu diario. Cal foi o punto de partida deste libro?
– María Solar (MS): Nunca me pasara na miña vida o de ter dende o principio moi clara como era a historia e o xiro brutal que ía dar ao final. Cando decidín poñerme a escribir, penseino moito, deille moitísimas voltas e arrisquei moito. Porque este libro, en realidade, son dúas novelas. Hai unha novela negra, un thriller, que é a historia de Amanda. E logo, no medio, o diario de Mirtha, que é unha novela literaria, psicolóxica, máis intimista. Iso implica dúas maneiras de narrar, dous tempos… Este libro foi un desafío.
– LVG. Mirtha escribía por culpa e por liberación. «Para purgarme, exorcizarme e arrincarme tanto mal», di literalmente. Por que escribe vostede?
– MS: Uf! Eu escribo por necesidade vital. Eu son moi fantasiosa. Encántame crear outros mundos e outras vidas e, ao tempo, vivilas. Logo, tardo moito en saír de aí. Son das que queda prendida dos personaxes. Como se existisen de verdade. Non sei se ten unha parte de loucura, pero eu gozo moitísimo facéndoo.
– LVG: Noutro momento Mirtha di: «Canto cansa escribir, non tiña nin idea diso».
– MS: Ai, si! É unha cousa que me paso a vida explicándolla a algunha xente. O mundo das artes percíbese, en xeral, dese halo de persoas tocadas por un don, pero a realidade é que tes que currar como unha besta. E ese traballo é o que eu reivindico. Estou moi cansa desa idea de «ah!, escribe porque lle gusta». Si, claro que me gusta, pero é un traballo. E un traballo que debe ser digno, respectado e ben remunerado. Temos dereito a vivir dos nosos libros e a unhas porcentaxes xustas.
– LVG: «Os escritores viven nun delicado equilibrio entre o recoñecemento, o ego, a adulación e a crúa realidade da miseria», escribe a protagonistas. Concorda?
– MS: Concordo en bo grao. Claro que hai algúns escritores que poden vivir do que fan, pero hai moitísimos que viven dos soños. Escribir non está ben pagado. E cando unha actividade non che devolve a dignidade, tamén económica, que precisas para mantela, hai un desequilibrio clarísimo. (…)”