Desde Faro de Vigo:
“A presentadora e escritora María Solar está a presentar o seu último libro ata o de agora, A culpa, Premio Xerais de Novela, por toda Galicia e tamén recalou no Club FARO en Vigo. Alí falou principalmente das dúas protagonistas do libro, dúas mulleres “fortes”, destacou, que deixan Galicia coa súa adolescencia para emigrar a América unidas sempre ambas as dúas por un segredo e tamén pola culpa. Sobre a historia destes dous personaxes pero tamén tendo en conta a realidade, Solar sinalou: “Ás veces, non estamos preparados para o que pasa no mundo”.
Presentada polos tamén escritores Fran Alonso (este, ademais, editor de Xerais) e Eva Mejuto, a autora compostelá explicou que as dúas protagonistas, Mira e Marcela, “buscan construír unha vida” que dá un xiro cun acto “moi grave” aínda que con elas tamén hai “gravidade” en como o sistema as trata.
Porén o arranque da novela sitúanos nunha vila galega, na vida dunha muller nova, Amanda, que traballa nun banco e que un día descobre que a vella descoidada pero millonaria que os visitaba cada seis meses para ter á raia as súas contas fina para declarala a ela herdeira universal.
A partir de aí, xorden interrogantes na cabeza da rapaza: por que lle deixara a ela o diñeiro se a muller tiña familia (unhas sobriñas), quen era e quen fora esa vella, como realmente amasara unha cantidade desorbitada de cartos…
Recoñeceu Solar que consultou cunha avogada de Vigo para dar verosimilitude ao relato cando sinala que en España podes herdar “e non sabelo”.
Ao coñecer a rapaza que é herdeira, o libro dá un chimpo cara atrás cara o ano 2004 e Bos Aires para seguir o seu percorrido no que se presenta un thriller psicolóxico. A propia María Solar advertía onte que esta é unha “novela que ten varios xéneros dentro” , incluído o de diario, para Eva Mejuto destapar que inclúe anacos dun diario cuxos parágrafos son chave para coñecer e comprender os detalles da historia que a presentadora do programa Zig Zag da TVG tardou cinco anos en escribir e en lograr a documentación necesaria. (…)”