Entrevista de Laura Veiga a Antón Cortizas en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como foi saber que ía recibir o Premio Arume por Os versos da mariola?
– Antón Cortizas (AC): Resulta moi agradábel ver que algo que ti fixeches gusta, máis se é un premio que leva detrás o nome de Neira Vilas. Xa recibira unha mención de honra polo poemario Cando as follas voan. Nos premios literarios hai que ser insistente porque teñen que darse unha serie de circunstancias como ter unha obra dunha certa calidade e que lle guste a ese xurado concreto, porque sobre gustos non hai nada escrito.
Os versos da mariola é un capítulo máis da miña obra dedicada ao xogo e ao brinquedo tradicional. Na miña xuventude comecei a describir os xogos do meu barrio en Ferrol e de investigacións posteriores xurdiron Chirlosmirlos (Xerais) e Tastarabás (Xerais).
A mariola é un xogo universal con moitos nomes e que podemos ver nos parques debuxada de diversas formas, mais infelizmente non vemos moitas crianzas xogando nela. Aquí, eu decidín xogar coas palabras e co xogo mesmo da mariola. Son 26 poemas que se van colocando de forma que a propia lectura é un xogo en si.
Ademais, intento valorizar precisamente o xogo tradicional, así como escapar un pouco das pantallas e das novas tecnoloxías.
– ND: É unha forma de transmitir estes xogos a crianzas que non os viviron pola falta de transmisión xeracional, non?
– AC: Claro. Si que temos iniciativas, como o Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, no que se intenta divulgar precisamente isto para que as crianzas gañen os beneficios tan fantásticos que ten o xogo tradicional. Como docente que fun toda a miña vida, a educación ten un papel fundamental aquí, mais a escola non está facendo moito por este labor. É dicir, si que hai algunhas escolas que brillan pola divulgación e polo estímulo do xogo tradicional, en Ferrol e en Santiago mesmo hai, mais en xeral parece que por parte do profesorado non se lle dá demasiada importancia, cando ten bastante máis que outro tipo de cousas que se tratan nos centros.
O xogo tradicional leva miles de anos entre os seres humanos e é unha forma natural do desenvolvemento humano porque serve para interiorizar as capacidades físicas do corpo e o movemento, así como de aprendizaxe das normas de grupos.
Claro, estas normas moitas veces tamén aparecen terxiversadas a través da ideoloxía ou do sistema dominante, porque os valores están aí. Eu lembro ter xogado ás guerras e agora pénsoo e é unha burrada, algo totalmente evitábel. Con todo, tamén é certo que no xogo tradicional hai un valor moi importante: os roles son cambiantes. A persoa xefa de equipo nun determinado xogo, na seguinte partida non o será.
Algo que non se dá na sociedade, porque acaba mandando a xente de sempre, mais no xogo tradicional vaise desenvolvendo a convivencia e apréndese a valorar as demais persoas, dándonos de conta de que sen outra xente non podemos xogar nin dirixir un equipo. Isto para min é importantísimo. (…)”