Entrevista a Francisco Castro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Quen é Sara?
– Francisco Castro (FC): É una cativa de seis anos que non fala logo dun accidente traumático no que morreu o seu pai. A partir dese momento, só fala co fantasma do seu pai. En realidade é Sara quen escribe o libro porque está narrado en primeira persoa, non ten puntuacións, nin liñas de diálogo porque trato de escribir esta historia coma imitando a maneira de falar dos cativos. Repite moito as cousas e pasa dun tema a outro con total naturalidade. A esta nena estalle pasando algo moi gordo, o máis infernal do que lle poda pasar a un neno ou a unha nena dentro da súa casa.
– LVG: O feito de ser un libro ilustrado quere dicir que vai dirixido a un público infantil?
– FC: Eu escribín este libro para un público adulto; é un libro ilustrado para adultos. É algo que se fai moito en Francia e en Alemaña, pero que en España non é habitual; hai moita banda deseñada, pero no libros ilustrados para adultos. Eu cando escribo estou interpelando ao lector adulto. (…)
– LVG: Os seus libros teñen sempre un sentido moi social. Teñen algunha finalidade didáctica?
– FC: Intento que non, pero o resultado está aí. Eu diría que é un acto consciente político e social porque eu non son capaz de facer literatura só entretida, con todo o respecto e o recoñecemento a quen o fai. Eu entendo que quen temos un altofalante como é a literatura, ou os artigos que escribo en La Voz ou as miñas intervención na Radio Galega creo que temos unha certa obriga de que os nosos produtos artísticos poñan o dedo nas cuestións que creo que a sociedade ten que reflexionar. Neste libro falo da saúde mental infantil e tamén da violencia sexual contra os nenos e as nenas, e alguén podería dicir que deses temas feos mellor non sería, pero creo que a literatura si ten que ocuparse deles.
– LVG: Como foi a coordinación coa ilustradora Luz Beloso?
– FC: Como é un texto moi especial, eu sabía que necesitaba unha ilustradora moi especial por iso falei con Luz. Ela díxome inmediatamente que si, pero eu lle dixen que era mellor que lera o texto antes. Chamoume esa mesma noite e díxome que estaba moi emocionada e chorara moito lendo o texto. Se o libro termina sendo unha pequena alfaia será, sobre todo, polo traballo dela. Foime amosando bocetos de como quería levar o tema. Un dos personaxes é un fantasma, algo que non é doado de representar. Eu fun vendo as ideas que ela tiña, fómolas comentando e unha vez que tiñamos máis o menos claro cal era a música que queriamos xa foi o seu traballo. Quedou realmente espectacular. (…)”