Entrevista de Laura Veiga a Sue Camaño en Nós Diario (foto do mesmo medio):
“Sue Camaño, filóloga e profesora, foi galardoada co Premio de Poesía de Vilalba polo seu poemario As feridas dun amor efémero. Camaño aborda as obras e mitos clásicos que inspiraron os seus versos así como os temas máis presentes na historia da literatura que, como ela di, “autoras e autores intentamos replicar en maior ou menor medida”.
– Nós Diario: Como xurdiu As feridas dun amor efémero?
– Sue Camaño (SC): Comecei a escribir sen ningún tipo de pretensión, simplemente por facer algo. Parecíame mellor escribir que estar mirando a televisión e cando vin o anuncio do Premio de Poesía de Vilalba decidín intentalo, tamén co pensamento de que se daba escrito o texto estaba ben, e se non era quen, non pasaba nada.
Eu estudei Filoloxía hispánica e o que fixen durante os dous meses que durou a escrita do poemario foi unha reelaboración deses clásicos e dos temas de sempre: o amor e o desamor, a morte, o paso do tempo, a angustia existencial… Unha sorte de literatura comparada. E por iso tamén bebe moito de Federico García Lorca, de Rosalía de Castro, de Antonio Machado, de Garcilaso de la Vega, de Francisco de Quevedo, de Jorge Manrique… E podería seguir até o infinito.
É o que me gusta ler e por iso penso que é o que me gusta escribir, o que me sae. Claro, como digo, eu escribino sen maior pretensión, nunca pensei que fose gañar nin que se publicaría o libro. Agora, se o penso, vexo que hai moita introspección e subxectividade. Non sei se escribiría algo así agora, xórdenme sensacións como de vergoña porque parece que é espir a alma, falar de sentimentos moi profundos. (…)”