Henrique Rabuñal: “Interésame relatar unha paisaxe conflitiva”

Entrevista de Ana Loureiro a Henrique Rabuñal en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Un dos eixos argumentais é a realidade política. Considera que é unha temática ben representada na literatura?
– Henrique Rabuñal (HR): A literatura galega, para ser un país demograficamente pequeno, é moi diversa. Practicamente todos os xéneros e subxéneros teñen algún tipo de representación. A análise política ten tamén certa presenza. Quizais podería ter máis, mais hai moitos exemplos que corroboran o interese pola política.
– ND: Entón por que elixiu vostede esta temática?
– HR: Porque eu, aínda que son arteixán de nacemento, levo corenta anos vivindo na Coruña e non podo nin quero abstraerme dos acontecementos e persoeiros políticos de importancia na cidade. Ese interese pola política máis próxima é o que me levou a escoller un personaxe moi emblemático da política coruñesa das últimas décadas como un dos protagonistas.
– ND: O texto dá comezo cunha cita de Píndaro que di: “Aprendede a limitar as vosas ambicións; é un funesto delirio suspirar polo que non se pode ter”. Por que?
– HR: O meu relato intenta estabelecer ligazóns con outros textos da historia da literatura galega. En concreto con Rafael Dieste, que citaba tamén a este mesmo autor. Nesta cita hai xa unha mensaxe, advertencia e código ético que se transmite para que o lector teña en conta na lectura e que, dalgunha maneira, guía o texto.
– ND: Unha das premisas da historia é que non é posíbel fiarse dun retrato. A que se debe esta metáfora?
– HR: Ao longo do relato dise que cos retratos hai que ter certa precaución porque en certa medida, como acontece con moitas formas de arte, o retrato pode ser un labirinto, unha ocultación, unha mestura de elementos… A min gústame moito estimular a perspectiva crítica. Non temos que crer o que vemos porque, ás veces, hai que aprender a mirar as cousas de maneira que se observe o que non é tan evidente. Iso pasa tamén cos propios retratos; ocultan cousas, acentúan outras… (…)”