Francisco Sandoval, Premio de Investigación Ferro Couselo: “O cambio do trazado do Camiño de Santiago á Coruña provocou que Ordes desbancase Poulo”

Entrevista de Laura Veiga a Francisco Sandoval en Nós Diario (foto cedida):
“Francisco Sandoval foi galardoado co XXIV Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo polo seu traballo A paisaxe e a organización do espazo do interior coruñés durante os séculos XVI a XIX, onde aborda desde cuestións político-administrativas até as feiras e o urbanismo da comarca de Ordes.
– Nós Diario: Como xurdiu a súa investigación sobre a comarca de Ordes?
– Francisco Sandoval: Eu son da Coruña, aínda que desde os dous anos me criei na vila de Ordes, polo que durante moito tempo fun estudando a comarca de maneira intermitente, até que decidín retomalo hai uns anos. Precisamente, por este motivo, contaba con abundante información inédita que desde hai un tempo tiña en mente pór nun texto como este. Presentarme a un premio de investigación de prestixio como é o Xesús Ferro Couselo dábame a oportunidade de poder publicalo.
O que se analiza son as mudanzas no espazo político administrativo, pasando das xurisdicións señoriais do antigo réxime aos concellos constitucionais, así como o papel dos camiños e das feiras na articulación do territorio. Hai que ter en conta que era unha zona cunha baixa densidade de poboación se a comparamos co conxunto da Galiza e que ademais se caracterizaba por unha dispersión extrema. Aquí non había vilas como poden ser Melide ou Arzúa. A única aldea cun pouco de entidade era Poulo porque se atopaba a medio camiño entre Santiago e A Coruña, o que facía que tivera unha maior concentración de profesionais como albeites ou ferradores, así como unha pousada para camiñantes e unha tenda. De feito, no resto da comarca si había tabernas en cada parroquia, mais non había ningunha outra tenda onde poder adquirir produtos distintos do viño. (…)”