“Este certame nace pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato. Por iso, o Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia, convocan este certame coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados e lidos por alumnado do ensino secundario. Asemade, pretendemos honrar a figura de Roberto Vidal Bolaño que tanto contribuíu a engrosar o corpus do teatro galego.”
1. Poderán concorrer ao Premio todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos teatrais inéditos e non premiados noutros certames, que estean escritos en lingua galega.
2. As OBRAS serán de temática e extensión libre, se ben hai que ter en conta que van ser lidas e interpretadas por alumnos e alumnas de ensino secundario, de 12 anos en diante.
3. Cada autor/a poderá presentar máis dunha obra, se así o desexa.
4. O PREMIO constará de 2.000 euros, suxeitos ás retencións fiscais correspondentes, e que computarán en concepto de adianto de dereitos de autoría, un diploma acreditativo e a edición e publicación da obra gañadora a cargo da EDITORIAL GALAXIA. Para tal efecto a editorial asinará co gañador ou gañadora o correspondente contrato de edición.
5. Haberá unha única obra gañadora e o premio poderá quedar deserto se as obras presentadas non se adecúan á finalidade do premio, segundo o criterio do xurado.
6. O PRAZO de presentación de orixinais comeza unha vez publicadas as presentes bases e remata o 31 de xaneiro de 2024.
7. Enviaranse catro copias da obra, debidamente encadernadas, xunto coa plica, nun sobre pechado cos datos do autor/a. O ENVÍO farase a través de correo postal ao enderezo: IES Ribeira do Louro (Rúa Ribeira s/n, 36410, Torneiros, O Porriño), especificando no sobre Premio de Teatro Roberto Vidal Bolaño.
8. O XURADO estará conformado polo EDL do IES Ribeira do Louro, dous profesionais do ámbito das artes escénicas e un representante da Editorial Galaxia; e prestará especial atención á innovación dramatúrxica, ás novas linguaxes contemporáneas e á singularidade temática das pezas.
9. A obra gañadora darase a coñecer, nun acto organizado polo IES Ribeira do Louro, na semana das Letras galegas, sobre o 17 de maio de 2024.
10. Se durante o tempo de presentación e deliberación a obra presentada recibise algún premio ou fose editada, o autor deberá comunicalo á organización do certame, xa que este feito será motivo de exclusión do presente concurso.
11. Os orixinais non premiados poderán ser recollidos na sede da Editorial Galaxia no prazo dun mes a partir do fallo do xurado. As obras non recollidas serán destruídas pasado o mes.
12. O feito de participar neste certame supón a aceptación total destas bases. O non previsto nelas será resolto pola organización.”