Entrevista a Ramón Villares en Diario de Ferrol:
“(…) – Diario de Ferrol (DF): Nesa relación entre Galicia e Portugal que analiza no libro, houbo na historia máis irmandade ou máis fronteira?
– Ramón Villares (RV): Loxicamente, se miramos a longo prazo, por exemplo desde a Prehistoria, foi máis irmandade porque o Reino de Portugal aínda non ten mil anos e podemos dicir que hai unha fronteira desde hai un milenio, tirando moito por arriba, pero durante moitos séculos foi un límite permeable, que mudou, mesmo houbo unha unión das Coroas na época dos Habsburgo. De modo que, se o miramos con perspectiva, o natural foi un territorio continuo pero non unificado, pois había tribos de diferentes orientacións. Realmente quen definiu Galicia foron os romanos ao chamarlle precisamente a provincia dos “kallaikoi” . Entraron pouco antes do nacemento de Cristo e houbo mil anos en que houbo unha continuidade con distintas fórmulas (convento xurídico, reino suevo, reino cristián…). A fronteira é un fenómeno bastante tardío, pero iso pasa en moitos outros países: fíxate onde está a fronteira que divide Francia e Alemaña, ou moitos outros lugares.
– DF: Cal é a tese que defende?
– RV: O que quero chamar a atención para os galegos de hoxe é que ese territorio non só está próximo física e culturalmente, senón tamén que foi moi importante para a propia configuración da identidade galega. Hoxe temos un desafío cara ao futuro de facelo máis próximo, menos fronteirizo, máis imbricado, aínda que sen que haxa que pensar nunha unión política porque a curto prazo non vexo que sexa posible. (…)”