Desde o Concello de Santiago de Compostela:
“Montserrat Fajardo é a gañadora da sétima edición dos Premios SELIC de creación literaria na modalidade de ensaio, pola súa obra Onde habita a tolemia na que a autora visibiliza a enfermidade mental e a represión institucional contra as mulleres psiquiatrizadas nunha historia ambientada nunha institución mental de Santiago.
O xurado considera que a obra Onde habita a tolemia é merecedora da edición deste ano polo “interese da temática e a abordaxe da cidade desde unha óptica pouco frecuente”, xa que se centra “nunha institución cunha presenza fundamental en Compostela e visibiliza a enfermidade mental”. Tamén se valorou a capacidade da autora para deixar “entrever a represión institucional contra as mulleres psiquiatrizadas na posguerra e narra historias de vida emocionantes cunha polifonía de voces”.
A gañadora do Premio SELIC recibirá unha recompensa económica de 6000 euros e a súa obra será publicada na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.
O xurado que seleccionou a obras gañadora desta edición dos Premios SELIC estivo integrado por Margarita Tojo González, Manuel Carlos Núñez Singala, María do Carme Varela Rodríguez, Bieito Iglesias Araujo e Carlos Valdés García, asistidos polo técnico municipal de programación e xestión cultural Xesús Amado, en calidade de secretario.”