Montserrat Fajardo, gañadora da edición 2023 dos Premios SELIC con Onde habita a tolemia

Desde o Concello de Santiago de Compostela:
Montserrat Fajardo é a gañadora da sétima edición dos Premios SELIC de creación literaria na modalidade de ensaio, pola súa obra Onde habita a tolemia na que a autora visibiliza a enfermidade mental e a represión institucional contra as mulleres psiquiatrizadas nunha historia ambientada nunha institución mental de Santiago.
O xurado considera que a obra Onde habita a tolemia é merecedora da edición deste ano polo “interese da temática e a abordaxe da cidade desde unha óptica pouco frecuente”, xa que se centra “nunha institución cunha presenza fundamental en Compostela e visibiliza a enfermidade mental”. Tamén se valorou a capacidade da autora para deixar “entrever a represión institucional contra as mulleres psiquiatrizadas na posguerra e narra historias de vida emocionantes cunha polifonía de voces”.
A gañadora do Premio SELIC recibirá unha recompensa económica de 6000 euros e a súa obra será publicada na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.
O xurado que seleccionou a obras gañadora desta edición dos Premios SELIC estivo integrado por Margarita Tojo González, Manuel Carlos Núñez Singala, María do Carme Varela Rodríguez, Bieito Iglesias Araujo e Carlos Valdés García, asistidos polo técnico municipal de programación e xestión cultural Xesús Amado, en calidade de secretario.”

A Coruña: presentación de Faise o escuro, de Carme Varela, e Areanegra na Casa Encantada, de Puri Cabido

O 27 de setembro, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, acóllese a presentación dos Premios Selic 2022, unha presentación dobre: Faise o escuro, de Carme Varela, e Areanegra na Casa Encantada, de Puri Cabido. As persoas interesadas en asistiren estas presentacións poden anotarse aquí.

A Irmandade Avelino Pousa Antelo recoñece Mero e Carme Varela no XI aniversario da súa morte

Desde Nós Diario:
“O auditorio Constante Liste, na Ramallosa, Teo, na comarca de Santiago, acolleu este domingo, 20 de agosto, os actos conmemorativos do XI aniversario do falecemento de Avelino Pousa Antelo.
A xornada de lembranza comezou cun “anexo”, unha homenaxe ao escritor e profesor galego Xoán Xosé Fernández Abella, só tres días despois do seu pasamento, o pasado 17 de agosto.
O escritor David Otero foi o encargado de dar a benvida ao público e de cederlle a palabra a Alfonso Blanco Torrado, quen falou en nome da Irmandade Avelino Pousa, a Asociación Cultural Xermolos e a Fundación Manuel María da Terra Chá.
Foi ao finalizar cando colleron a remuda as dúas persoas agasalladas: o músico e escritor Baldomero Iglesias ‘Mero’, a quen se lle entregaron o símbolo do Partido Galeguista do que Pousa Antelo foi militante.
Após este momento de ‘Dignidade galeguista’, a escritora, historiadora e autora teatral Carme Varela recolleu o ‘Caxato Avelino Pousa’, unha distinción que desde 2013 recibiron figuras e institucións moi próximas ao intelectual galego: Alfonso Blanco, o Concello de Teo, a parroquia de Santa María de Arzúa, Fina Casalderrey, a familia de Valentín Arias, Antón Costa Rico, a Fundación Penzol, Marica e Tereixa Campo máis Arlindo López Arias.
“Carme Varela foi unha gran colaboradora de Avelino Pousa como secretaria técnica da Fundación Castelao, fundada en 1984, grande apoio de cara a edición da obra completa de Castelao e tamén durante o ano do seu centenario en 1986”, explica a Nós Diario David Otero, para destacar que este recoñecemento non premia un currículo senón persoas da estima de Pousa Antelo.
“Durante 40 anos acompañando a Avelino fun facendo un listado de xente do seu aprecio, persoas coas que mantiña unha relación afectuosa e coas que compartía ideas”.
Tras as intervencións de Mero, Carme Varela e a familia de Pousa Antelo, o público visitou o paseo que leva o seu nome na Urbanización dos Verxeis/Oza, onde tivo lugar unha ofrenda floral que deu paso á interpretación do himno nacional galego polo gaiteiro Nubeiro.
A xornada concluíu cun xantar de irmandade que serviu tamén para celebrar o legado de Avelino Pousa, de quen Otero destaca o papel central da “Galiza como referente e o pobo como espazo de traballo para a conservación das ideas galeguistas”.
“Quedas na casa, mira que non se apague o lume”, rememorou Carme Varela no seu discurso de agradecemento. Un dito común en moitos lares da Galiza cuxa escolla gabou David Otero.
“É o resumo perfecto do que viñemos facer hoxe aquí no XI aniversario da morte de Avelino: axudando a que o lume de Avelino, o lume da Galiza, da idea galeguista non se apague”.”

Compostela: actividades do 9 de xuño na SELIC 2023

Fernando Castro Paredes, Ana Carreira, Eva Mejuto e José Luis Baños de Cos gañan os premios de literatura dramática da Xunta

Compostela: debate-presentación arredor de Pardo de Cela na Galiza do século XV. Mito ou mártir?