Entrevista de Eva Cid Rivas a Lois Pérez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): No libro fai unha crítica á sociedade occidental. Que opina do noso rol colectivo nas crises migratorias?
– Lois Pérez (LP): Como cidadáns estamos atrapados nunha contradición difícil de resolver. Unha das orixes do problema é o desigual reparto da riqueza, que fai que uns naden na abundancia e outros pelexen por vivir. Na medida en que a cidadanía tome conciencia desta cuestión, esixirá aos seus representantes que dean pasos para cambiar as cousas.
Por suposto, temos unha parte de culpa moi grande como sociedade, mais os poderes tamén promoven, de maneira interesada, a banalidade e o espellismo tecnolóxico para que deixemos de lado a realidade. Esta realidade é que a nosa vida ten o mesmo valor que a de calquera outra persoa na outra punta do planeta.
– ND: A separación das familias é recorrente no libro. Houbo algunha experiencia de alguén da súa contorna que inspirara esta historia?
– LP: Si. Unha das protagonistas é Alexandra, unha nena de ascendencia caboverdiana que vive en Burela. Esa nena hoxe terá sobre 20 anos. De feito, faríame moita ilusión dar con ela porque existe. Fun mestre seu en Riotorto hai 12 anos. Ela vivía soa con súa tía porque seu pai estaba embarcado no Gran Sol e súa nai estaba en Cabo Verde e ese é un dos motivos. O outro é pensar en todas as nenas e nenos que están separados por centos de miles de quilómetros de seus pais por supervivencia.
– ND: A ultradereita acusa as persoas migrantes de “vir roubar a Europa”. Cal é a súa visión sobre iso?
– LP: É unha visión moi frívola da realidade. Calquera sabe perfectamente que ninguén se xoga a vida, ninguén deixa a centos de miles de quilómetros os seus seres queridos, por vir delinquir. Tentan salvar a vida. Tentan salvar a xente que queren ou a da súa tribo. Tentan ser alguén, que é un dereito que temos todas e todos neste mundo. Todas temos dereito a ser.
A moita xente estáselle denegando ser no seu propio lugar de orixe. Esta visión que ten moita xente está directamente relacionada coa ignorancia e coa mala fe. Detrás de cada persoa agóchanse feridas de todo tipo. (…)”