Entrevista de Mar Mato a Berta Dávila en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): No arranque do libro [A ferida imaxinaria], o primeiro personaxe, unha muller, logra dous peixes cos que sente que é “esencial para a supervivencia doutros”. É iso fundamental para nós?
– Berta Dávila (BD): As persoas vivimos inevitablemente conectadas e necesitámonos unhas a outras. Estes personaxes, aparentemente solitarios, tratan de apartarse de algo pero acaban tropezando con outra cousa, con outros personaxes cos que xorde un momento de epifanía no que lle dan consolo.
– FV: O personaxe nunha novela debe ser sempre unha ‘pequena anomalía’ para atrapar o lector?
– BD: Para min, o necesario é que no principio do libro estea nun lugar. Non quero dicir só que sexa físico, tamén emocional e da súa vida; e que no final do seu percorrido estea noutro sitio. Iso, o arco que percorre, é o que fai que me atrape ese personaxe. Non ten que pasar pola anomalía; pode ser algo máis sutil.
– FV: Nun momento do libro, sinala que a arquitectura pode exercer forzas misteriosas sobre as persoas, que as casas poden exercer a tristura na xente.
– BD: Ese é un pensamento moi forte dun dos personaxes que está nunha casa de cristal. Os lugares onde vivimos, onde traballamos, conforman como somos, o que facemos e tamén o que nos podemos permitir soñar ser.Ese contexto dos personaxes di moito das súas feridas e do xeito de afrontalas.
– FV: Considera que cando unha casa se abandona a desgraza non tarda en chegar?
– BD: Ten moito que ver coa idea de estarmos conectadas. Unha casa non é unha casa soa, senón que está nunha comunidade. Ten que ver coa idea de pertenza. Ser dono dunha casa nunha aldea non significa que esa vivenda che pertenza porque pertence á comunidade e configura o lugar. (…)”