Berta Dávila: “Certo tipo de queixa é unha resignación, unha maneira de acomodarse”

Entrevista de Mar Mato a Berta Dávila en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): No arranque do libro [A ferida imaxinaria], o primeiro personaxe, unha muller, logra dous peixes cos que sente que é “esencial para a supervivencia doutros”. É iso fundamental para nós?
– Berta Dávila (BD): As persoas vivimos inevitablemente conectadas e necesitámonos unhas a outras. Estes personaxes, aparentemente solitarios, tratan de apartarse de algo pero acaban tropezando con outra cousa, con outros personaxes cos que xorde un momento de epifanía no que lle dan consolo.
– FV: O personaxe nunha novela debe ser sempre unha ‘pequena anomalía’ para atrapar o lector?
– BD: Para min, o necesario é que no principio do libro estea nun lugar. Non quero dicir só que sexa físico, tamén emocional e da súa vida; e que no final do seu percorrido estea noutro sitio. Iso, o arco que percorre, é o que fai que me atrape ese personaxe. Non ten que pasar pola anomalía; pode ser algo máis sutil.
– FV: Nun momento do libro, sinala que a arquitectura pode exercer forzas misteriosas sobre as persoas, que as casas poden exercer a tristura na xente.
– BD: Ese é un pensamento moi forte dun dos personaxes que está nunha casa de cristal. Os lugares onde vivimos, onde traballamos, conforman como somos, o que facemos e tamén o que nos podemos permitir soñar ser.Ese contexto dos personaxes di moito das súas feridas e do xeito de afrontalas.
– FV: Considera que cando unha casa se abandona a desgraza non tarda en chegar?
– BD: Ten moito que ver coa idea de estarmos conectadas. Unha casa non é unha casa soa, senón que está nunha comunidade. Ten que ver coa idea de pertenza. Ser dono dunha casa nunha aldea non significa que esa vivenda che pertenza porque pertence á comunidade e configura o lugar. (…)”

A xornalista Mar Mato recibe o XX Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego

Desde Galicia Confidencial:
“A xornalista Mar Mato foi galardoada este martes co XX Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego polo seu artigo Réquiem por un sombreiro publicado no Faro de Vigo.
A xornalista recibiu este martes en Vigo o galardón, nun acto no que estivo acompañada polos finalistas Manuel Varela e Begoña R. Sotelino; o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet; ou director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar; así como os integrantes do xurado.
En concreto, tal e como sinalou Afundación nun comunicado, integraron o xurado Víctor Freixanes, presidente e vogais como Fina Casalderrey, María Varela, Gloria Rodríguez López ou Xosé Carlos Caneiro.
A Obra Social de Abanca incidiu en que “con cada edición deste galardón” que convoca, contribúe a dinamizar o panorama cultural de Galicia. “E iso para nós significa materializar o compromiso adquirido para impulsar o coñecemento a través da cultura, especialmente nun ano no que Francisco Fernández del Riego é dobremente conmemorado: co Día das Letras Galegas e con este premio, que recoñece cada ano o labor, a favor das letras, a cultura e do progreso a través de ambas.”

Francisco Castro: “A mensaxe de Vox conseguiu penetrar entre a rapazada”

Entrevista de Mar Mato a Francisco Castro en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): Que busca transmitir con este novo libro?
– Francisco Castro (FC): O cemiterio de barcos é un libro no que transito por lugares que xa percorrera moitas outras veces como o amor malo, o maltrato, e a preocupación pola memoria histórica. Como xa os tratara en novela para adultos, quería agora dirixilo ao público xuvenil inda que os adultos tamén poden gozar da súa lectura. Preocúpame moito que haxa resultados como os que tivemos hai 15 días na estatística do Instituto de la Mujer con gran número de rapaces dicindo que o feminismo é unha ideoloxía que só busca fastidiar os homes ou que manteñen, mesmo mulleres, que a violencia de xénero non existe. Tamén me parece preocupante que a rapazada ignore o que aconteceu hai 80 anos e a represión trala Guerra Civil.
– FV: O inicio é moi contundente, cunha páxina do diario dunha rapaza dicindo “É certo que ás veces, cando se enfada comigo, rompe cousas. Pero o seu pouso é bo”.
– FC: Tiña moi claro que, dende o principio, había que conectar o lector ou lectora coa problemática que vive a protagonista. A través das páxinas de Piscis, o diario de Lucía, imos pasando por todas as fases polas que pasa unha muller maltratada. Ao principio, a xustificación do maltrato. Despois, pasa a culparse: di que o merece. Tamén hai outro personaxe (David) que representa unha nova masculinidade. Na novela vense os dous tipos de masculinidade: a baseada na testosterona e a outra de homes sensibles que se apuntan ao trato igualitario. Os homes emocionámonos, os homes choramos. Lucía ao coñecer a David ve que hai outra maneira de ser home. (…)
– FV: En que medida a literatura pode axudar a familias e centros educativos a sanar esa visión errada do amor? Hai un incremento considerable de violencia de xénero entre os novos.
– FC: Por unha banda, hai un fracaso educativo social pero outro lado, os resultados da enquisa demostran como a mensaxe de Vox conseguiu penetrar entre a rapazada. Hai 54 deputados dun partido que nega a violencia de xénero, que fala de feminazis, de chiringuito feminista, que ten nun dos seus piares o odio á igualdade, o que é terrible. Odiar a igualdade é de mala xente. Se lemos os resultados da enquisa son coherentes co que Vox comezou a implantar no conxunto da sociedade. Estamos dicindo que eses rapaces a pesar de mil accións educativas (charlas, libros…) están seguros de que controlar o móbil á rapaza como pasa na novela non é malo. E hai rapazas que están empezando a caer nesa dialéctica.
– FV: A literatura entón é clave.
– FC: Claro, eu escribo a novela por iso. Encantariame escribir libros de mero entretemento pero non me saen. Creo que a literatura é un xeito de intervir na realidad. Por iso, os dictadores o primeiro que fan é queimar aqueles libros que manteñen valores distintos aos que queren instaurar.Si que creo que unha xuventude lectora é unha xuventude mellor formada, máis protexidas ante a irracionalidade de determinados grupos políticos e sociais.”

O blogomillo literario, artigo en Faro de Vigo

O blogomillo literario é o título dun artigo de Mar Mato no xornal Faro de Vigo que fala da actividade en Internet de varios membros da AELG e do recoñecemento que esta asociación lle outorga á creación na rede coa incorporación dun premio ao mellor blog literario nos seus galardóns anuais. Poden ler o artigo neste enderezo.