Arquivos da etiqueta: A ferida imaxinaria
Berta Dávila: “A arquitectura da novela pretende explicar conceptos de como se configuran as soidades contemporáneas que vivimos”
Entrevista de Ana G. Liste a Berta Dávila en Praza:
“(…) – Praza (P): Dirías que nesta novela está máis presente a túa ‘filosofía de vida’?
– Berta Dávila (BD): A verdade é que creo que en todos os meus libros está a miña maneira de ver o mundo porque unha das cousas que máis me interesa na literatura, tanto cando leo como decididamente cando escribo, é esta cuestión do punto de vista: que maneira ten de observar a vida a persoa que está construíndo este artefacto, de problematizala e comunicala a outras persoas.
Non creo que haxa máis vontade disto nesta novela, pero é certo que xira arredor dunha serie de conceptos que se desenvolven en escenas e en pequenas historias destes personaxes. Non hai máis de min, pero a propia arquitectura da novela pretende explicar algúns conceptos e ideas que teñen fundamentalmente que ver con como se configuran as soidades contemporáneas que vivimos; cal é o propósito de todo isto, da literatura e do para que estamos aquí. Son preguntas que nese momento eu me estaba facendo.
– P: Esta historia existía xa para sen contada mentres aínda estabas co proxecto da túa novela anterior, Os seres queridos? Ambos libros son moi intimistas sendo ficción.
– BD: A narrativa que a min me interesa é a intimista, entón tampouco é unha cousa novidosa que a min me poida interesar escribir este libro, pero os tempos de escrita son cousas bastante elásticas en xeral. As novelas non nacen un día concreto que unha marca no calendario, aínda que si a vontade de escribilas. Hai cousas deste libro que estaban xa, en forma dalgunha nota, moito atrás. É certo que se trata dun libro bastante vinculado a Os seres queridos, pero non tanto ao proxecto en si, máis ben á súa recepción. Empecei a concibir, ou estruturar, esta novela máis ou menos en novembro do 2021 á volta do verán e rematara de escribir Os seres queridos na primavera anterior.
Os tempos da escrita e da publicación sempre son moi distintos e existe un lapso aí no que estás ‘entre libros’, escribindo e non, ou un pouco perdida, como me atopo agora mesmo. Xurdiu esta historia dos peixes e da ficción e da imaxinación que articulei nun primeiro texto para unha encarga para á que tiña pouco tempo, así que decidín escribir aquelas ideas que tiña para unha novela moi inicial. Despois, toda a recepción de Os seres queridos marcou moito a miña percepción sobre como me estaba relacionando coa literatura, e iso foi filtrándose no proceso de escritura deste libro.
– P: Como te axudaron a escribir este libro as reaccións provocadas polo anterior?
– BD: Máis que axudarme, que non sempre foi axuda, condicionou dalgunha maneira que eu estivese durante o primeiro estadio de escritura deste libro pensando continuamente en cal era a miña maneira de relacionarme coa literatura e coa lectura dos meus libros, en como eran lidos os meus libros, dende que punto eu articulaba eses libros e como se confrontaba logo coa recepción e no significado de todas esas cousas. Foron tempos nos que tiven que responder moitas veces que significaba a autoficción para min… e nos que tamén tiven que responder sobre cal é o espazo da imaxinación na literatura desde o meu punto de vista, que sempre está na linguaxe. De aí xurdiron algunhas ideas que articulan este libro. (…)”
Pontevedra: Festa dos Libros 2024
Compostela: actividades do 4 de maio na Feira do Libro 2024
Ourense: presentación de A ferida imaxinaria, de Berta Dávila
Foz: presentación de A ferida imaxinaria, de Berta Dávila
Vigo: presentación de A ferida imaxinaria, de Berta Dávila
Berta Dávila fala sobre A ferida imaxinaria
Entrevista a Berta Dávila en Nós Televisión:
“A ferida imaxinaria conta a historia de dúas parellas de irmás distanciadas, dous peixes laranxas e un ganso doméstico. E tamén a dos habitantes da aldea de Soutelo, cerca de Viveiro. Falta pouco tempo para que se produza unha eclipse solar total, pero ningunha das protagonistas ten un interese especial no fenómeno. As catro están mergulladas na súa propia escuridade. Un acuario e unha casa de cristal, a vida corrente e a vida de artista, a amizade entre persoas descoñecidas, as identidades duplas e a viaxe como única maneira de permanencia son algúns dos elementos dunha novela que fala da busca de consolo e en cuxas páxinas xorde unha melodía inesperada que dá conta das feridas da existencia. Berta Dávila crea personaxes, situacións e paisaxes nunca antes vistas e, así e todo, absolutamente próximas e familiares; concibe unha fabulación ateigada de imprevistos, consonancias simbólicas e paralelismos temáticos capaz de producir, coma nos movementos dun ballet, unha sutileza narrativa onde nada carece de senso, e onde todo flúe para provocar o asombro.”