O Barómetro da Cultura Galega aprecia unha leve desaceleración do sector cultural en 2023

Desde o Consello da Cultura Galega:
“O Observatorio da Cultura Galega radiografa neste novo documento as principais características da situación das entidades da cultura en 2023. “Un 40% declara que lles foi mellor, para un 37% foi igual e para un 20% foi peor” asegurou Casares na explicación dos resultados. Un ano máis, os museos e entidades dedicadas a actividades relacionadas co patrimonio e mais as relacionadas co audiovisual son aos que lles foi mellor. Canda eles están os sectores das artes gráficas e o do teatro, danza, espectáculos e actividades auxiliares das artes escénicas. Representan o 40,2 %, fronte ao 47 % do ano anterior. As entidades dedicadas ás artes visuais, á educación cultural e á música, as bibliotecas e arquivos, o sector da edición e as administracións tiveron un 2023 algo por debaixo da media, aínda que nun contexto positivo. As entidades dedicadas ao comercio de libros e publicacións periódicas foron ás que lles foi peor en 2023 que en 2022.
As persoas enquisadas perciben unha evolución algo menos favorable durante 2023 en comparación con 2022. Así mesmo, as expectativas que tiñan hai un ano non se cumpriron, porque pensaban que 2023 sería un ano mellor do que realmente foi. Tamén se evidencia unha diminución gradual das expectativas para o seguinte ano. Con todo, continúan a predominar as valoracións positivas: un 40,9 % das entidades pensa que a situación irá a mellor ou a moito mellor; un 39,5 % considera que seguirá igual e unicamente un 15 % prevé unha evolución negativa.
O Barómetro apunta un leve incremento da demanda cultural con respecto a 2022, o que semella incidir na carga de traballo e nos ingresos. Un 45,3 % das entidades observou algún incremento na demanda o pasado ano, aínda que prevé a continuidade deste aumento unha porcentaxe sensiblemente inferior. Iso explica que a produción ou carga de traballo medrase nunha proporción similar (47,8 %). Os ingresos incrementáronse en 2023 (para un 29 % levemente e para un 9,1 % de xeito significativo), pero menos que o ano anterior. Son as entidades dedicadas ao audiovisual e ás artes gráficas e, en xeral, as máis grandes en termos de emprego e facturación as que aumentaron en maior medida os ingresos. Ademais, un 54,6 % das entidades fixo investimentos en 2023.
O incremento de custos e prezos tamén afecta á cultura galega. Os prezos das materias primas e subministracións necesarias para a actividade subiron para case nove de cada dez entidades (86,5 %), e un 46,5 % delas experimentou un aumento significativo. Así mesmo, un 61,7 % observou un encarecemento dos custos laborais ao longo de 2023, e para un 14,4 % tratouse dun incremento significativo.
“A estabilidade no emprego continúa a ser unha constante un ano máis” afirmou Håkan Casares. Con todo, apréciase un lixeiro incremento, que se produce cun pouco máis de intensidade no ámbito público. Ademais, se en 2022 un 53 % das empresas tivo dificultades para atopar profesionais co perfil axeitado, esta porcentaxe subiu ata un 56,5 % en 2023. Son as empresas de artes gráficas as que declaran ter máis problemas neste sentido.
A dixitalización, a publicidade e a comunicación dixital son os principais ámbitos de desenvolvemento para o futuro, seguidos da compra de equipamento técnico e de software. O Barómetro tamén apunta que hai un descenso no esforzo dedicado á produción, venda e distribución de contidos dixitais. Tamén hai un esforzo baixo en materia de formación do persoal en transformación dixital. Desde o Observatorio apuntan que “podería estar condicionado polo feito de que se puxo especial énfase e se crearon importantes expectativas neste tipo de produtos durante os anos de influencia da pandemia”, mais haberá que agardar ao futuro para ver que significa esta tendencia.
En 2023 constatouse unha baixada nas accións destinadas a incrementar a presenza internacional (dun 25,5 % a un 23,3 %). Tamén se percibiu un descenso na porcentaxe de actividade finalmente consumida polo público foráneo, que se situou nun 8,3 % de media (fronte a un 11,3 % do ano anterior). O Observatorio sinala un posible efecto chamada do Xacobeo, que atrae usuarios e clientes estranxeiros, pero “haberá que corroborar no futuro se se trata dunha tendencia conxuntural ou non”. As actividades que maior peso teñen no mercado internacional son a edición e o audiovisual, xunto cos museos e actividades relacionadas, neste último caso impulsadas probablemente por visitas de turistas. En calquera caso, cabe destacar que son poucas (4,7 %) as entidades orientadas maioritariamente ao sector exterior.
Os xestores culturais, igual que na edición anterior, volven suspender a actuación das diferentes administracións. Con todo, hai diferenzas, xa que a Xunta de Galicia obtén unha puntuación de 4,55, seguida da Administración local (4,51 puntos) e do Estado (3,78 puntos). Malia estas cifras, houbo un incremento significativo na valoración do Estado (que pasou de 3,21 en 2021 a 3,78 en 2023) e unha baixada na da Administración autonómica (do 4,74 de 2021 ata o 4,55 de 2023).
Ademais, só a un 8 % das entidades que solicitaron axudas lle foron denegadas, ao tempo que un 43,7 % das entidades culturais galegas obtivo algún tipo de subvención. En 2023 medaron as solicitudes con respecto a 2022, pero o indicador aínda se sitúa por debaixo do de 2021.”