Santiago de Compostela: “Galego Vivo, Galiza Viva. Maniféstate pola Lingua!”, desde Queremos Galego, o 17 de maio

MANIFESTO

“En setembro de 2024 faranse 20 anos da aprobación por unanimidade parlamentar do Plan Xeral de Normalización da lingua galega. Elaborado coa participación de máis de 1000 persoas de todos os ámbitos, con 400 accións e medidas concretas en cada un deles, non só non se desenvolveu senón que se produciron importantes retrocesos.

Para unha Galiza viva, activa e  consciente das súas capacidades, precisamos dun goberno realmente comprometido coa súa obriga de promover o uso, presenza e disposición do idioma, cun galego vivo.

Vivo nun ensino en galego, que garanta a competencia no noso idioma permitindo a incorporación de novos falantes e o coñecemento da nosa realidade fronte ao actual modelo desgaleguizador.

Vivo nun audiovisual que, como reclama a Iniciativa Xabarín, garanta a oferta en versión orixinal ou lexendada e cumprimento dos mínimos que estabelece a lei para menores de 12 anos.

Vivo na administración, nos servizos públicos, na sanidade, na xustiza, nas relacións e información comercial, onde a atención inicial en galego -oferta positiva- que indicaba o PXNLG debe ser garantida incluíndo a disposición da lingua nas xestións telefónicas, telemáticas ou presenciais. 

Vivo na pegada da lingua sobre o territorio en todos os seus espazos e lugares, a que de novo pretenden borrar e perseguir coa permisividade dos gobernos central e autonómico.

É hora de os gobernos asumiren a súa responsabilidade legal e moral co idioma, a comezar pola Xunta de Galiza, e acompañar á sociedade que actúa e se mobiliza  día a día para termos o galego vivo, Galiza viva.”

Máis información aquí.