Entrevista de Raquel Castro a Rosalía Fernández Rial en Erregueté:
“(…) – Erregueté (E): En primeiro lugar, Rosalía, parabéns de novo por este premio. Dime, que foi o que te levou a presentar a peza a concurso?
– Rosalía Fernández Rial (RFR): Moitas grazas! Fíxome moitísima ilusión obtelo, a verdade. Sempre fun moi sensible á necesidade de pezas teatrais dirixidas a adolescentes e nunca deixei de crealas para contextos escolares. Traballo con persoas desta franxa de idade e realicei a Tese sobre o uso da expresión dramática como ferramenta pedagóxica nas aulas de lingua. Por iso, ao ler a convocatoria e corroborar a filosofía do certame, parecíame que a última obra que escribira encaixaba co propósito presente nas bases.
– E: Fóra de campo recolle moitos temas que poden afectarlle á nosa mocidade, como o perigo das redes sociais, do que se comparte nelas… Ti cres que a nosa rapazada non é consciente do perigoso que é deixarse levar polas “redes”?
– RFR: Penso que resulta moi difícil ser consciente da dimensión que poden acadar as redes e en certas etapas da vida iso complícase aínda máis. Ben é certo que cada vez existe máis conciencia e información sobre o tema pero non resulta menos verdadeiro que certas redes teñen cada vez máis forza e presenza na vida das mozas e mozos.
– E: O protagonista masculino é un “influencer” que vai enredando a toda a que se lle achega. Por que cres que é tan importante amosarnos constantemente, vivir cara os demais, para deixar de ser nós mesmas?
– RFR: Por natureza somos seres sociais e as posibilidades de conexións con outras persoas que nos abren as redes eran impensables hai uns anos. O problema reside, precisamente, na imaxe que proxectamos ao amosarnos nas redes e o perigoso que pode resultar perder os espazos de intimidade, a autenticidade e a construción de vínculos verdadeiros e sans dentro dese contexto. Se descoidamos iso, efectivamente, deixamos de ser nós mesmas e é aí onde nacen “os monstros”. (…)”