Entrevista de Laura Veiga a Arantza Portabales en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que significa para vostede recibir este premio?
– Arantza Portabales (AP): Eu só escribo para que alguén o lea. Saber que a xente dos clubes de lectura me está escollendo a min é marabilloso; e, en concreto, nos clubes dos centros escolares, cuxa función é a promoción da lectura. E despois está a segunda parte, porque eu sempre que podo intento ir e compartir con eles o que lles supuxo a lectura, e é unha experiencia moi agradábel. A rapazada é súper sincera: ás veces din que un libro non lles gustou ou que non lles gusta ler, pero moitas outras veces tamén me din que lles encantou, que o pasaron moi ben lendo, e esa é unha sensación moi boa. E sabes que é verdade porque tampouco teñen nada que perder.
Moitas veces parece que temos a sensación, como a tiñan os nosos pais con nós, de que antes era mellor, que agora non len e que están todo o día co móbil. Como se nós non estivésemos. E ademais non é certo: a rapazada le e moita incluso escribe. Para min, este é o premio do público, do “boca orella”.
Tamén é moi importante o que vai nos libros, e para min a novela negra, como dicía Domingo Villar, é unha escusa para entrar no debate de moitas cousas. Desde estas historias podemos tratar a violencia de xénero, o abuso sexual ou o perigo das redes sociais.
– ND: Tendo esta experiencia, como percibe a situación da lectura entre a mocidade?
– AP: Penso que é a mesma que a das persoas adultas. O móbil cómenos moitísimo tempo, a todas. E o máis preocupante é que nós estamos dispostas a renunciar a el. Ao final eu, cando era nena, tiña unha televisión con dous canais, un coa misa e o outro cunha carta de axuste durante 22 horas ao día. Non viaxábamos, non tiñamos internet. Os libros eran esa ventá para o mundo, eran o único que tiñamos. Agora iso perdeuse porque a oferta de ocio é moito máis ampla. Hai que esforzarse moito para que atopen a maxia da lectura.
O outro día estiven nun club da ONCE no que dixeron algo que me pareceu totalmente certo: “A literatura é moi especial, porque nun libro entramos todos en igualdade de condicións. Os que ven e os que non”. A literatura permítenos sentir, e por iso tamén as emocións dos libros son superlativas –cando un sofre, sofre moito–. A literatura supón unha conexión coa parte máis racional e intelixente do ser humano, fai que non nos durmamos. Temos que defendela a capa e espada, e por iso é tan fundamental o labor que fan as bibliotecas escolares. (…)”