Entrevista a Antonio Manuel Fraga en Diario de Ferrol:
“(…) Como escorrentar un lobo trata a emoción do medo e a maneira de enfrontarse a ela para evitar que chegue a paralizarnos. Con este fin, o texto segue a historia de Noncia, unha muller de etnia xitana que vive na Polonia ocupada polos nazis. Este é o último libro de Antonio M. Fraga, que acaba de presentar en Pontedeume, ilustrado por María Brenn.
A obra, editada por Cuarto de Inverno, encádrase na literatura xuvenil, un campo no que o autor é especialista, aínda que non é o único que practica. Así pois, esta peza diríxese aos lectores a partir de certa idade, que se atopan arredor desa ponte entre a infancia e a adolescencia. Non obstante, tal e como concreta Fraga, “sempre penso na literatura infantil como a que tamén poden ler os nenos”, posto que aínda que se dirixa a un público a partir de certa idade, neste caso os 11 ou 12 anos, non existe ningún límite.
A historia comeza en Polonia no ano 1944, en plena Segunda Guerra Mundial coa súa protagonista, Noncia, que ten un permiso de traballo para traballar no ferrocarril. O punto de partida é que ela a aproveita este posto para rescatar a dous pequenos irmáns xudeus que foran enviados a un campo de concentración, aos que acolle na súa casa. Noncia axuda aos dous nenos a vencer o medo que sinten pola situación que están a vivir, co relato dunha “incrible aventura, con moitos tintes fantásticos, que viviu cando era nova e percorría, os camiños de Europa do leste acompañando ao tabor xitano ao que pertencía”, resume Fraga.
Esta narración traslada aos personaxes e ao lector ao corazón do bosque de Białowieża. O autor explica que nese emprazamento, o carro da familia de Noncia “abandona a caravana para perseguir a uns cabalos tarpáns”, que son unha particular especie extinta que habitaba naquel espazo. Desa maneira chegan a “unha vila secreta agochada no medio do claro dun bosque, que se chama Polana Wilków, que significa claro de lobos”, continúa. Neste lugar, que é o fogar dos Neuri, unha poboación de características moi especiais, “Noncia debe aprender a mirar o medo cara a cara”, relata o escritor.
Este artellou a narración seguindo dúas premisas fundamentais. En primeiro lugar, “apetecíame facer unha historia relacionada co folclore eslavo, con ese territorio de Europa do leste e máis con ese tempo determinado do século XX”, apunta Fraga. Así mesmo, “un dos puntos de partida foi o de tratar o medo e as formas de combatelo”, explica. Ademais, o escritor quixo mesturar a realidade coa fantasía “e que esas dúas historias funcionasen como un espello”, xa que moitas das situacións que Noncia relata aos nenos, “teñen moito que ver coa historia persoal deses dous irmáns e do que están vivindo”, argumenta. (…)”