Xosé Manuel Beiras recibirá a Homenaxe O Escritor na súa Terra-Letra E en 2025

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) ratificou a decisión de que Xosé Manuel Beiras reciba a Homenaxe O Escritor na súa Terra-Letra E en 2025, na cidade de Santiago de Compostela, destacando, dentro da súa extensa traxectoria vital, a súa faceta como ensaísta e tradutor, así como a súa xenerosa colaboración coa AELG, sendo parte do Consello Directivo da Asociación entre 1982 e 1986.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra natal ou de acollida da persoa homenaxeada ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritoras/es procurando o contacto directo coa autora e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor (unha peza escultórica), a plantación dunha árbore simbólica elixida polo propio autor e a colocación dun monólito conmemorativo.