Nailía, da ribasilense Loli Rodríguez, gaña o Torrente Ballester 2024 en lingua galega

Desde a Deputación da Coruña (foto do xurado, autoría da propia Deputación da Coruña):
“O XXXVI Premio Torrente Ballester de narrativa xa ten gañadores. Súmanse ao palmarés do certame, convocado polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña, as novelas Nailía, da ribasilense Loli Rodríguez, en lingua galega, e La soledad de los reptiles, do madrileño Antonio Bonet de Luna, en lingua castelá. Silbidos en las cumbres, do tudense Diego Alfonsín Rivero, resultou finalista en castelán. Os dous vencedores recibirán 15.000 euros e a Deputación publicará as dúas obras.
A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu os dous xurados, nos que actuou como secretaria a xefa da sección de Educación e Cultura, Manuela Muñiz Souto. Formaron o comité avaliador en lingua galega os escritores César Lorenzo —gañador en galego en 2023—, Sica Romero, Marta Villar, Brais Lamela e María Rei Vilas; e en lingua castelá, Anna Blasco Rovira e Jesús M. Antón —gañadores en castelán en 2023—, María Sánchez, Xacobe Pato e Maria Salgado.
De Nailía, o xurado valorou “a boa narración da historia e a axilidade da lectura, nunha novela clásica na forma e na estrutura pero moi actual no punto de vista á hora de abordar o relato”. Tamén destacou “a representación de mulleres diversas e as imaxes poéticas que crea durante a narración con moi bo manexo dos diálogos”.
La soledad de los reptiles é, para o xurado, “unha obra orixinal e arriscada, que perdura na memoria do lector, cunha reflexión que afonda no sentimento de perda e o lugar que ocupamos na sociedade”. “Trátase”, engade a resolución, “dunha novela ben estruturada e equilibrada, na que o autor mostra gran capacidade para manter a tensión narrativa de comezo a fin con bo ritmo e personaxes ben traballados”.
Ao XXXVI Premio Torrente Ballester presentáronse 66 obras en galego e 104 en castelán.”