Carballo: Praza dos Libros PLIC 2024

María Rei Vilas: “Cando escribía a novela pensaba nas miñas fillas e no meu alumnado”

Entrevista a María Rei Vilas en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Profesora de Bioloxía, autora de libros de texto e guías didácticas, que foi o que a animou a dar o salto á ficción, á narrativa?
– María Rei Vilas (MRV): Nunca o pensara, a verdade. Foron circunstancias da vida, historias que se che van quedando dentro e que me apetecía contar. Escribir non se me daba mal, o que tiña que aprender era a técnica narrativa e dediqueime a formarme durante uns anos, non pense que cheguei e escribín unha novela, para nada, eu téñolle moito respecto a literatura.
– LO: E que fixo para formarse?
– MRV: O que puiden desde A Laracha. Hoxe afortunadamente grazas a internet podes acceder a un montón de formación online. Dediqueime a meterme no mundo da literatura, a aprender técnica narrativa, relato, estrutura de novela, que é un mundo aparte… E cando me vin con forzas, fun escribindo. Foi nunha época na que tiña a miña nai enferma; de feito ela non chegou a ver a novela publicada e tiña como o sentimento dun mundo que desaparece, o da miña nai, as miñas tías e avoas… e que as miñas fillas non sabían nada dese mundo.
– LO: Un mundo duro, o da Guerra Civil e a ditadura…
– MRV: Si, pero a novela non vai da Guerra Civil para nada. O que pasa é que ese é o contexto no que medrou a miña nai, viviu a miña avoa… as mulleres das xeracións que me precederon. Ese é o contexto, a Galiza rural. Non hai heroes, non hai heroínas. O que quería era contar como foi a vida desas mulleres que nos trouxeron ata aquí, como sobreviviron nese contexto, dobremente silenciadas, pola ditadura e por ser mulleres. E quería facelo dunha maneira que chegase á xente, sobre todo ás novas xeracións, e por iso faime tanta ilusión este premio.
– LO: A hora de crear os personaxes e de ambientar a novela, inspirouse moito nas mulleres da súa familia e do seu entorno?
– MRV: Non hai persoas reais na novela, son personaxes, pero si hai trazos de moitas persoas, e espazos que son perfectamente recoñecibles, aínda que non quixen situar a historia nunha vila real porque me condicionaba moito cinguirme aos feitos históricos desa vila en concreto. É unha cousa curiosa, porque cada lector leva os feitos ao seu territorio. Vou a Lugo e dinme: “Isto é una vila de aquí de Lugo, verdade?” Vou a Ourense e pensan que é alí, e eu, en realidade, estaba pensando nunha mestura entre Carballo, Laracha, Paiosaco… Están a feira das cereixas e moitas cousas que son de aquí da nosa zona. A cidade, por suposto, aínda que non a nomeo, é A Coruña.
– LO: É curioso que unha novela ambientada na ditadura conquistase a un xurado de xente moza…
– MRV: Si, dábame un pouco de medo porque ao principio ía ser unha historia moi sinxela dunha familia, pero parecíame que si a enfocaba soamente desde un punto de vista quedaba moi parcial, e quería transmitir a idea de como era a vida nunha vila. Está escrita desde tres puntos de vista e atravesa un século de historia, que foi uns dos motivos polos que levou o premio García Barros hai dous anos, e iso dábame un pouco de medo de cara a xente nova, porque é unha novela de catrocentas e pico páxinas, con idas e vidas no tempo e con tres puntos de vista que se mesturan, é bastante complexo pero aínda así chegou e estou encantada. (…)”

María Rei Vilas gaña o Premio Literario San Clemente Rosalía-Abanca

Desde Galaxia:
María Rei Vilas gaña o Premio Literario San Clemente Rosalía-Abanca, na categoría literatura galega, pola súa obra Flores de ferro, Premio García Barros 2020.
O xurado do galardón impulsado desde o IES Rosalía de Castro de Santiago estivo formado por alumnado dunha decena de centros. Este ano, para seleccionar ás gañadoras e gañadores, ademais do instituto anfitrión, participaron, votando a súa obra favorita, o alumnado dos centros IES Pontepedriña, da capital galega; así como o Xulián Magariños (Negreiros), o Vilar Ponte (Lugo), o IES Pintor Colmeiro (Silleda), e o Ferro Couselo (Ourense).
Os membros do xurado destacaron que a obra gañadora contén unha trama “moi complexa”, que se desenvolve en “dous espazos temporais”, poñendo en valor o papel fundamental das mulleres. A novela de María Rei Vilas caracterízase por ser un retrato de mulleres loitadoras, no contexto da Guerra Civil.
Cun destacado protagonismo feminino, este libro, publicado na colección Literaria de Editorial Galaxia, conta a historia de Camila. Unha muller que leva décadas vivindo unha mentira baixo a complicidade dos que a rodean. A protagonista, deberá reunir o valor para enfrontarse á verdade, neste relato onde que a intriga asolaga tanto o persoal coma o colectivo. (…)”

A Coruña: actividades do 7 de agosto na Feira do Libro 2022

Carballo: actividades dos 8 e 9 de xullo na Praza dos Libros 2022

A Coruña, Santiago e Vigo: #LdeLírica. Micro aberto

Actividades destacadas do Culturgal 2020

PROGRAMA

PROGRAMA LIBRO

PROGRAMA FORO

PROGRAMA ESCENA

PROGRAMA CINEMA