Xavier Seoane: “Este libro provócame melancolía, lémbrame aos que xa non están”

Entrevista a Xavier Seoane en La Voz de Galicia:
“A de Xavier Seoane é unha vida dedicada á cultura galega. Desde os seus inicios defendeu con vehemencia e elaboradas razóns as creacións dunha terra que alumeou nomes notables en case todas as disciplinas artísticas. Plumas e pinceis e voces e ciceis. Tras estes corenta anos de reflexións e conversas cos seus coetáneos, publica o ecléctico volume A árbore desvelada (colección Tambo, Kalandraka Editora), que presentou o mércores 12 de marzo nun encontro celebrado na sede da Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña.
«É un libro que se fraguou ao longo de moito tempo. De homenaxes e vivencias. Nel está retratada moita xente que eu coñecín en todos os ámbitos da arte», explica o autor. Pero non só de profundas interlocucións está composta esta obra. Dialogan nas súas páxinas diferentes estilos e formas de abordar a realidade. Mesmo diferentes xéneros. «Hai un apartado dedicado ás viaxes que fixen en coche por toda Europa; outro sobre figuras relevantes non galegas; e, por último, unha recompilación de poesías de diversa temática que tocan desde a traxedia de Gaza ata a loita feminista ou o episodio do Prestige», resume Xavier Seoane (A Coruña, 1954).
As personalidades que desfilan por este traballo son, en boa medida, os sospeitosos habituais da arte galaica. Por todas elas expresa Seoane nos seus versos infinita gratitude e agarimo. Por exemplo, Maruxa Seoane, viúva do pintor Luis Seoane, xunto á que tantas batallas culturais librou noutro tempo.
«Só ler o índice do libro provócame un sentimento de melancolía, porque me fai darme conta de todos os que saen que xa non están entre nós». Amoréanselle os recordos compartidos. As loitas comúns. Incluso os sempre civilizados desacordos. O respecto era a base de todas estas relacións sinérxicas. «Sempre tiven unha posición moi positiva e empática con todos os creadores. Cada un é fillo de seu pai, pero esas diferenzas que había eran estimulantes e marabillosas. Todos tiñamos consideración para as respectivas visións dos outros. O extraordinario daquela realidade era a súa inmensa riqueza. Cada un co seu mundo persoal e específico», evoca. (…)”