Desde La Voz de Galicia (fotografía proveniente das redes sociais de Elizabeth Núñez):
“Elizabeth Núñez Rama faleceu o 15 de abril aos 53 anos. Era a muller do poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello. Ambos residían en Carballo, onde o autor, que tamén foi deputado no Congreso, instalou Espiral Maior Foro. Abriu en novembro do 2021, e desde entón este local da Rúa do Sol converteuse nun espazo cultural fundamental, moi activo en presentacións literarias ou como club de lectura.
Neste proxecto, o papel de Elizabeth foi fundamental, polo menos como o de Miguel Anxo. Deseñaba, corrixía e preparaba os textos, organizaba as exposicións, elaboraba curiosas xoias que tamén estaban en venda… Puxo en práctica a súa ampla formación cultural. Naceu en Suíza, en Montreux, na beira este do lago Leman. Era filla de emigrantes da Laracha. Foi curadora de numerosas exposicións, traballou en galerías de arte, e nos últimos anos o seu traballo enfocábase en todo tipo de accións relacionadas con Espiral Maior Foro. Era case a alma da editorial, pero era con toda seguridade parte da alma de Fernán Vello.
Para este mércores 16 de abril, ás nove da noite, está previsto un acto civil de despedida no tanatorio San Antonio do polígono de Lendo, na Laracha. Este xoves será incinerada na intimidade familiar. “