Samuel Merino: “Os recitais para min son, prioritariamente, un encontro”

Entrevista de Laura Piñeiro a Samuel Merino en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario: En Manual de Camuflaxe (Xerais, 2025) trata distintos temas que reflicten a autopercepción de calquera ser humano. De feito, Oriana Méndez, no limiar, considera que a propia estrutura da obra é un reflexo da vida, ao comezar con “Poema final” e rematar con “Poema primeiro”, símbolo do avance en espiral da vida que, ao igual que a poesía, “ábrese ao retorno e á revisión”. Destaca Méndez que non se trata dun retrato estático, senón que avanza conforme o fai a obra. Eran estas unhas premisas das que partía á hora de dar comezo ao poemario?
– Samuel Merino: A verdade é que non, non o eran. Non adoito escribir con premisas. O proceso [de escritura] foi case unha necesidade, ao decatarme de que levaba tempo dando voltas ao mesmo tema. Tamén é certo que, a medida que ía avanzando na miña obra, fun recorrendo a temas tratados noutros traballos, e compilándoas neste Manual de camuflaxe no que a idea era, e é, falar sobre o tema da identidade.
Non tiña unha vontade explícita de falar sobre este tema en concreto, mais se hai un concepto sobre o que xira, e, nunca mellor dito, xira, por esta concepción da obra como circular, é a identidade. Non se trata dunha busca da identidade, senón que é unha reflexión, en forma de poemas, acerca de como nos construímos, de como inflúen os demais na nosa autopercepción, na construción da nosa identidade, de como inflúe a linguaxe, as etiquetas que nos poñen…
En definitiva, non eran esas premisas das que eu partira, pero si que é certo que, como a miña obra ten un carácter autorreferencial e é amplamente reflexiva e intimista, facer esta viaxe ao pasado, resituarme no momento no que estou escribindo e proxectarme para un futuro no que a lectora vai atopar os versos e vainos ler, crea un xogo de tempos en constante movemento. Isto provoca que unha das interpretacións que se lle poida dar [á estrutura da obra] é esa que Oriana lle dá no limiar. (…)”