Entrevista de Carolina Sertal a Manuel Esteban en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): Como chega a esta historia?
– Manuel Esteban (ME): A través dunha persoa que coñezo, de Adolfo, quen leva xa uns anos embarcado en múltiples ámbitos, dende pesca a buques de investigación, pero que nunca estivera en buques de rescate. Cando me contou esa historia hai uns anos, a verdade é que me asaltou a necesidade de escribila, porque pensei que tiña que ser contada. Se algún tesouro agocha o mar, debe de ser o de milleiros e milleiros de historias coma esta, e que resultan moi sorprendentes en terra firme, porque van máis alá dos nosos lugares comúns e, dende logo, dos lindes morais no que nos movemos de portas para adentro baixo o amparo das leis que nos rexen e protexen, ata certo punto. A min chegoume esta, quedou escrita durante uns anos, Xerais propuxo publicala e decidín publicala.
– FV: É unha novela diferente con respecto ás anteriores.
– ME: Efectivamente está escrita dunha maneira diferente porque é unha historia completamente distinta ao que escribo habitualmente, aínda que diría que non tanto. O outro día escoitáballe ao cantautor Santi Araújo nunha entrevista que todos os cantautores escribían e compoñían sempre a mesma canción, igual que un paxaro que canta sempre a mesma canción, só que intenta refinala. É certo que o estilo de «A lei do mar» é distinto, porque pensaba que a historia merecía ser contada doutra maneira. Aínda que é un pouco «thriller», «western», non é novela negra ou ciencia ficción, que é o que escribín até o de agora, polo que decidín cambiar un pouco o ton e a forma. Mais, no fondo, conto probablemente moitas das cousas que conto en A ira dos mansos ou O meu nome é Ninguén. De feito, lembraba moito a dedicatoria deste último: «Aos que están abaixo de todo porque eles non teñen xa a ninguén a quen pisar», e polo tanto teñen como mínimo o beneficio da dúbida. Escribo sobre iso, sobre os que están abaixo de todo, e máis abaixo do mar… Por outra banda, revisitei ese libro arquetipo no que a idea fundamental é que o mar sempre ten razón, como en O vello e o mar, de Hemingway, Moby Dick ou mesmo en As ondas, de Virginia Woolf, que exploran esa idea, a mesma sobre a que en parte pivota A lei do mar. (…)”