‘As torres abolidas’, o poemario escrito por Xosé Miranda Ruíz, é a obra gañadora do XXIII Premio de Poesía Afundación

As torres abolidas, de Xosé Miranda, gañou o XXIII Premio de Poesía Afundación. O xurado composto por Luís González Tosar, Míriam Ferradáns, Marica Campo, Manuel Filgueiras Fernández e Modesto Fraga Moure, destacou que dentro das 44 obras presentadas, “este poemario permitiulle descubrir un traballo poético cuxo tratamento da nosa mitoloxía, con lucidez e acerto, elévao ao nivel das mitoloxías clásicas”. “O xurado tamén celebra que o autor galardoado sexa un recoñecido escritor cunha traxectoria consolidada nas nosas Letras. Isto pon de manifesto a vitalidade da poesía galega de hoxe, con claro carácter interxeracional.”
O galardón está dotado cun único premio de 7 000 euros e será publicado na colección ‘Arte de Trobar’, editada polo Centro PEN de Galicia, coa colaboración de Afundación e a Xunta de Galicia, cumprindo así o principal obxectivo deste galardón: estimular a escrita e a produción literaria de calidade na nosa lingua.”