Entrevista de X. Fandiño a Henrique Dacosta en Diario de Ferrol:
“(…) – Diario de Ferrol (DF): Regresa á novela cinco anos despois de Illas a sotavento e faino cun thriller, un xénero no que xa se estreara anteriormente, mais non protagonizado por unha parella de policías. Cal é a orixe de Mortes con argumento?
– Henrique Dacosta (HD): No que respecta ao thriller, efectivamente, A Rota do Oeste tócao nunha certa medida. Pero é agora con Mortes con argumento que este volve estar presente como parte do xénero e, nomeadamente, como thriller policíaco. Esta novela xorde como un desafío, como unha necesidade de mergullarme nese ambiente que responde, á fin e ao cabo, a uns esquemas máis ou menos preconcibidos, tópicos mesmo, aínda que debo dicir que a ambientación e os temas que aquí se abordan pretenden profundar na nosa singularidade. A investigación non vai estar exenta do elemento socioeconómico, fala da nosa maneira de ser e, así mesmo, do risco de estar a perder a unha gran velocidade os nosos signos identitarios, de aí a importancia de remarcarse o mundo do megalitismo, da etnografía e o asunto antropolóxico, pois incídese no tema do arraigo.
– DF: Na historia hai varias tramas que conflúen arredor de dous asasinados nunha poboación pequena. Como foi o proceso de encaixe de todas elas?
– HD: Supoño que, como na gastronomía, é cuestión de ingredientes. Dunha parte estás a tocar o que é máis de raíz, máis de noso, aquilo que, en principio, parece que non ha de ser mudado, porque é o que está máis ligado ao noso ser, aínda que finalmente esteamos a ver que este principio comeza a fender. E, por outro lado, tócanse realidades absolutamente actuais (os parques eólicos, tanto terrestres como mariños e o estrago sistémico dos nosos montes, enténdase aquí coa infestación de eucaliptos), de modo que da combinación desa realidade identitaria e tei-muda que non quere desaparecer, que non se rende, ao lado desoutra “utilitarista” e baseada na falacia do ben común e da necesidade de sermos produtivos, aínda que os beneficiarios sexan empresas espurias e depredadoras é como nace esta historia que vai ligando as diferentes subtramas. (…)”