Alberte Momán: “Cos anos aprendín que ese lector perfecto que todos temos en mente non existe”

Entrevista a Alberte Momán en Diario de Ferrol:
“(…) – Diario de Ferrol (DF): Que vai atopar o lector en Raro?
– Alberte Momán (AM): Trátase de relatos que escribín durante un período moi longo de tempo, case dúas décadas, e o que quero é mostrar unha evolución. Cando se intenta crear un estilo propio, que sexa identificable polas persoas que se vaian achegar ao libro, non é dun día para outro; é un proceso no que o autor vai evolucionando e cambiando a súa forma de contar, os temas que trata ou o enfoque co que os trata… Se isto se fai a través dunha compilación de textos de distintas épocas, a evolución pódese apreciar mellor. E iso é o que quería: como foi mudando a forma de narrar, os temas, os aspectos nos que me fun centrando, os xéneros… E todo desde un punto de vista máis reflexivo. Ao comezo deixaba que o lector puidese intuír, pero despois fun elaborando máis un discurso e sendo un pouco máis explícito.
– DF: Nese proceso, e aínda que cadaquén camiña cara a onde quere, hai algo que bota de menos daquel rapaz de hai dúas décadas?
– AM: Pérdese esa espontaneidade, esa inmediatez, esa urxencia de cando se é máis novo, esas ganas de demostrar… Tamén é certo que a evolución se debe a moitos aspectos, como a miña propia bagaxe, que loxicamente foi medrando coas lecturas que me foron enriquecendo, pero tamén a miña relación coas persoas que me lían… Eu pensaba que todo o mundo me entendía (ri) e que ía ver o mesmo ca min, é dicir, ese lector ou lectora perfecto que todos temos en mente, pero que non existe, e ata que nos damos de conta de que non existe estamos convencidos de que a nosa forma de contar é universal e extraordinaria. Decateime de que non (ri): que a miña forma de contar non era o que eu pensaba que era. Todo ese ideal fóiseme perdendo polo camiño… Se boto algo en falta? Non, pero é certo que o que si me gustaría é ter a bagaxe que teño agora naqueles anos para detectar antes os erros que cometín ou aquela falta de comunicación co lector ou lectora. Con todo, a evolución foi positiva e, como tal, non acaba nunca. (…)”

Monforte: actividades do 26 de agosto na Feira do Libro 2023

A Coruña: actividades do 1 de agosto na Feira do Libro 2023

Rianxo: actividades do 23 de xullo na Feira do Libro 2023