Entrevista de Candela F. Roldán a Xosé Iglesias en La Opinión:
“(…) «Os barcos transfórmanse en seres que conforman o seu espírito», explica o mariñeiro de Cee, que di que este libro reúne 67 ilustracións con metamorfoses que renden homenaxe ao mar, aos devanceiros e aos mariñeiros que faenaron e faenan cada día. «Recollo unha historia detrás de cada ilustración e falo de xente real, das súas vidas», asegura.
O mariñeiro, que traballou durante un tempo como patrón de pesca no caladoiro de Rockall, ao noroeste de Escocia, continúa navegando cada día cun bolígrafo na man na súa terra. «Vivimos intensamente as catro estacións, e o mar é pura poética, é imposible non sentir inspiración cando me subo ao barco», sostén o patrón, que di que «cando tes o abismo a cero centímetros, a inspiración chega soa».
A Costa da Morte é unha personaxe máis das súas obras, pois o poeta recoñece que a comarca e a súa bisbarra son os principais escenarios dos seus libros. «Estou moi empapado da miña terra», di o mariñeiro, afincado en na parroquia arteixá de Pastoriza, que recorda que se criou recollendo fanecas co seu avó a carón da casa. (…)”