Escritor Galego Universal 2026: Basim Mohammad Saleh Adeeb Al-Khandaqji

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Basim Mohammad Saleh Adeeb Al-Khandaqji, escritor palestino, como Escritor Galego Universal en 2026, como mostra de admiración e profundo respecto pola súa persoa e polo traballo desenvolto na defensa da literatura e a dignidade nacional de Palestina.

Nado en 1983, é Licenciado en Socioloxía, cun mestrado en Estudos Israelís pola Universidade Al-Quds (Abu Dis).

A súa novela Unha máscara da cor do ceo foi galardoada co Premio Booker Internacional de Novela Árabe en 2024. Foi liberado no marco do último acordo de intercambio de prisioneiros.

A súa obra escrita está formada polos seguintes libros:
– Poemario Rituais da primeira amargura, con limiar do poeta e xornalista libanés Zahi Wehbe / Dar Al-Arabiya Lil-Ulum, Beirut.
Alentos: poema nocturno, con limiar do poeta e xornalista libanés Zahi Wehbe / Dar Al-Arabiya Lil-Ulum, Beirut.
– Novela Almiscre da suficiencia: biografía da señora das sombras libres, con limiar do novelista palestino Mahmoud Shuqair / Dar Al-Arabiya Lil-Ulum.
– Novela Narciso da soidade, con limiar do novelista palestino Mahmoud Shuqair / Al-Maktaba Al-Sha‘biyya, Palestina.
– Novela O eclipse de Badr al-Din, con limiar do novelista palestino Ibrahim Nasrallah / Dar Al-Adab, Beirut.
– Novela Alentos dunha muller derrotada, con limiar do novelista palestino Mahmoud Shuqair / Dar Al-Ahliyya, Ammán.
– Novela Unha máscara da cor do ceo / Dar Al-Adab, Beirut.
– Novela O gardián do Holocausto / Dar Al-Adab, Beirut.

Conta con numerosos artigos publicados en sitios literarios electrónicos e en redes sociais. Ten tamén unha páxina secundaria no sitio web Al-Hiwar Al-Mutamaddin, que contén máis de corenta artigos políticos, literarios e en prosa, ademais dunha serie de artigos sobre a realidade do movemento de prisioneiros.

Nas anteriores edicións recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia, Isabel-Clara Simó, María Teresa Horta, Mariasun Landa, José Luandino Vieira, Ana Luísa Amaral, Lydia Cacho, Joseba Sarrionandia e Shahd Wadi.