Entrevista de Sergio Casal a Xabier Quiroga en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que lle interesaba explorar nesta novela arredor dos sentimentos?
– Xabier Quiroga (XQ): Este libro, un pouco separado da miña traxectoria anterior na que falaba moito de memoria histórica e da procura dunha identidade colectiva, partiu como unha especie de necesidade de demostrarme que podía achegarme aos sentimentos. É unha novela que fala de amor, de desamor, de amizade e tamén é unha reflexión sobre unha xeración. Unha xeración criada aquí que tivo moitos problemas e que saíu un pouco trasquilada por moitos sitios.
– ND: Até que punto o pasado dun protagonista condiciona a súa capacidade de vivir o presente?
– XQ: Até o límite. As persoas que lean o libro vanse dar conta de que o personaxe principal está completamente condicionado por unhas relacións de xuventude que o marcaron. Relacións de amor, de amizade e das procuras que un realiza cando é novo. Procuras que levan a pensar que atopou o esencial da vida e, a partir de aí, todo o demais foi caer costa abaixo. (…)”