María Xesús Blanco: “Quixen contar unha historia sobre a realidade de hoxe, moi entretida e con moita tenrura”

Entrevista de Sergio Casal a María Xesús Blanco en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que elementos funcionaron como motivación para escribir Folerpas no mar?
– María Xesús Blanco (MXB): Quería escribir algo ambientado temporalmente no inverno e que houbese unha nevarada, iso era algo que tiña clarísimo. Pode que fora porque foi algo que vivín durante algún inverno na miña infancia. É un fenómeno máxico que fascina tanto crianzas como maiores. No caso concreto do libro, a neve chega a ser incluso unha protagonista do mesmo. Sobre a historia, foi xurdindo e medrando a partir de diferentes temas que quería tratar: a emigración, o coidado da natureza, a nosa cultura e contorna, as novas tecnoloxías ou o papel das avoas e avós na sociedade.
– ND: Que é o que máis destacaría de Zahi, o neno protagonista da novela?
– MXB: Quería que o personaxe principal fose un neno cunha sensibilidade especial. Que lle gustasen moitas cousas ademais do deporte: bailar, tocar a pandeireta, debuxar… É un neno de oito anos intelixente, imaxinativo, entusiasta e tenro. Está medrando e comeza a darse de conta de que a vida pode ter complicacións, algo do que xa se fai consciente na súa escola. Vive nun apartamento na cidade coa súa nai e o seu pai está embarcado. En decembro, vai pasar uns días na aldea cos seus avós e cunha simpática cadela, Furna. Aí é onde entra en xogo a nevarada e el queda sorprendido porque nunca vira nevar. (…)”

Álvaro Domínguez, escritor: “Aínda que o asasinato en ‘Místicas. Curso do 34’ é por causas sobrenaturais, ten a ver coa misoxinia”

Entrevista de Sergio Casal a Álvaro Domínguez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Por que elixe este momento histórico para a novela?
– Álvaro Domínguez (AD): A escolla do ano 1934 débese a que foi unha época fundamental na loita dos dereitos das mulleres. Acabábase de aprobar o sufraxio feminino e, pola contra, estaba a piques de acontecer o golpe de Estado polo cal todos os avances acadados neses momentos ían desaparecer. Eu quería atopar un momento da historia en que houbese esa ambivalencia entre os avances e os sucesos que os tirarían abaixo.
– ND: Que papel xoga a maxia nesta historia?
– AD: Quería facer unha historia de fantasía pero, da mesma maneira, non quería que xirase todo arredor dunha escola de maxia nin que a maxia fose o eixo principal da trama. Interesábame que a persoa lectora tivese pensamento crítico co sistema inxusto que goberna a escola e fuxise da idealización da escola como un lugar fantástico, aínda que sucedan cousas fantásticas coa maxia como punto importante. Busquei que o mesmo lector desexase un cambio substancial e que a loita principal, máis aló do elemento sobrenatural e misterioso, tivese máis que ver coas inxustizas do mundo real.
– ND: A novela mestura reflexións sobre a misoxinia, a fantasía e a mitoloxía. Como encaixan estas cuestións na trama?
– AD: Hai unha historia de misterio: un asasinato que, aínda que sucede por un feito sobrenatural, a realidade é que ten máis que ver coa misoxinia que hai na escola. De feito, a protagonista é acusada dese delito porque as mulleres nesta historia son as únicas que poden invocar as mouras. Por tanto, aínda que hai un asasinato e unha persoa morre, o tema sobrenatural está vencellado directamente ao tema da misoxinia e da inxustiza que se fai contra as mulleres nesta institución. (…)”

Montserrat Varela: “Agardo que as persoas que lean o poemario ‘Consciencia da impermanencia’ o fagan seu”

Entrevista de Sergio Casal a Montse Varela en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Consciencia da impermanencia estrutúrase desde o amencer até o solpor. De onde veu esa idea de organizar o poemario como un día?
– Montse Varela (MV): Comecei pola necesidade de escribir e despois funlle dando forma. Escribir sobre o paso do tempo non é algo orixinal; é un tema recorrente dentro da literatura universal, pero no meu caso quixen dividir o libro en tres partes: amencer, atardecer e solpor. A partir de aí, fixen unha correspondencia simbólica: o amencer sería o nacemento do ser humano, co rexurdir da vida, o asombro, a aurora e o descubrimento do mundo; o atardecer, que representa a vida cos seus altos e baixos e a procura continua; e, por último, o solpor, que se corresponde co declinar da vida, cando van pasando os anos e nos aferramos ás lembranzas, vivindo pendentes do que está por vir porque temos esperanza, mais sentimos todo aquilo que fomos deixando atrás mentres vai chegando o fin da vida e, para moitas persoas, a posibilidade da transcendencia. O tema é recorrente, pero pensei en achegar algo novo e cada parte introducina cun haiku. Ademais diso, cada poema remata con un ou dous versos escritos en maiúscula que despois se reúnen nun novo poema para fechar cada parte. Isto é algo que lle dá continuidade ao conxunto e é orixinal. Agardo que as persoas que lean o poemario o fagan seu e lles achegue algo.
– ND: Que significa ver estes versos premiados?
– MV: É algo moi emocionante. Que che dean un premio causa alegría e emoción, como é normal, pero recibir un premio é máis que publicar un libro: é un recoñecemento ao traballo realizado durante anos. No meu caso, levo escribindo poesía desde hai décadas; desde que era nena, en realidade. Xa ía sendo hora de poder publicar un poemario e estábao desexando. Agora teño moitos versos no caixón e terei que lanzarme. Este recoñecemento é un estímulo e agradézoo enormemente. (…)”

Fran Fernández Davila, escritor: “Que o meu nome estea asociado a Agustín Fernández Paz fíxome moitísima ilusión”

Entrevista de Sergio Casal a Fran Fernández Davila en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Lucía vive nunha casa onde non se fala moito e o fútbol está prohibido. Como nace esta historia?
– Fran Fernández Davila (FFD): Gustábame moito o enfoque dunha rapaza que quere xogar ao fútbol pero non lle deixan. En lugar de ser a sociedade, é o seu propio pai quen o impide por algún motivo. A partir de aí, desenvolvín a historia de amor da rapaza co fútbol. A min encántame o fútbol e quería escribir algo sobre este tema que tamén lle puidese gustar á miña filla. Ultimamente escribo novelas téndoa a ela como lectora obxectivo.
– ND: Por que escolle o fútbol e en concreto a figura de Vero Boquete como motor da loita de Lucía?
. FFN: O título é un macguffin. Eu teño moito medo de que as persoas lectoras se decepcionen porque non sae Vero Boquete na novela. Hai unha película do 2002 que se chama Quero ser como Beckham protagonizada por unha rapaza da India que quere xogar ao fútbol. O título deste libro é unha sorte de homenaxe a esa idea, cambiando a Beckham por Vero Boquete, pioneira en moitas cuestións relacionadas co fútbol galego e internacional. (…)”

Xosé Ramón Pena, escritor: “Todas as persoas participamos na cuestión dos límites da experiencia humana”

Entrevista de Sergio Casal a Xosé Ramón Pena en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): A novela enfronta a razón científica coa crenza en extraterrestres a través de Ernesto e Clara. De onde xurdiu ese contraste?
– Xosé Ramón Pena (XRP): O punto central da novela ten que ver máis cun segredo familiar que involucra toda a familia e que une e desune os protagonistas. O segundo apartado da novela é o feito de que ambos están inmersos na cuestión da existencia ou non da vida extraterrestre desde diferentes visións. El é astrofísico e ela non, pero é afeccionada á ufoloxía. Eu quería formular nesta relación os límites da experiencia e do coñecemento humano.
– ND: O título remite a un episodio da tradición hindú. Por que escolleu esa imaxe para titular o libro?
– XRP: Isto é algo que se descubrira lendo o libro. Faise referencia a este relato tanto ao comezo como ao final da novela e, por non adiantar acontecementos, convido a xente a lelo.
– ND: Como atravesan as diferentes etapas vividas por Ernesto á novela?
– XRP: A trama vai desde os anos setenta até 2016. Ernesto, o que narra, son fragmentos da súa memoria. Ao inicio está escribindo no ano 2016 e remóntase a 1972, que é un ano no que suceden dúas cousas importantes para el: primeiro, é un momento no que pasa á idade adulta e que coincide cos acontecementos de Ferrol de 1972 que el vive directamente pola profesión do pai, que é militar; despois, tamén se desenvolve ao inicio da novela a situación das revoltas estudantís en Compostela a finais do franquismo, a Revolución dos Cravos e demais. Ademais, é unha época na que a cuestión da ufoloxía estaba en plena actualidade. (…)”

Alba Tomé, escritora: “Das nosas bisavoas escoitamos por primeira vez o consello de ser independentes e defendernos”

Entrevista de Sergio Casal a Alba Tomé en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): As humidades sitúanos nun fogar atravesado pola violencia. Que lle interesaba explorar a través dos diferentes personaxes?
– Alba Tomé (AT): A violencia dun pai agresor que exerce un control a través do seu poder contra a súa familia, principalmente a súa filla, que é a única que decide rebelarse contra el. Ela entende que a violencia forma parte do xogo e vea como a única maneira de sobrevivir nesa familia. Para iso contará coa axuda da súa avoa, a señora Azucena, que a guía nesa guerra que se abre contra seu pai. Interesábame explorar o papel das mulleres que actúan fronte á violencia. Que nun sistema de autoridade tomasen acción fuxindo tanto da visión vitimista como de heroínas.
– ND: Hai unha alianza silenciosa entre a avoa e as nenas. Que papel xoga esa rede cómplice fronte á violencia?
– AT: É a pura supervivencia. É o apoio sen igual que parte do amor. Son mulleres que están sufrindo a mesma violencia e saben que a autodefensa colectiva sempre é mellor que a individual. Esa relación das nenas coa avoa –que realmente é súa bisavoa– plasma perfectamente as mulleres que nos regalaron por primeira vez consellos feministas sen nomealos así.
Das nosas bisavoas escoitamos por primeira vez o consello de ser independentes, de estudar e de defendernos. Gustábame plasmar isto na novela. (…)”

Iria Collazo: “A palabra que definiría á perfección este galardón para min neste momento é alento”

Entrevista de Sergio Casal a Iria Collazo en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que che levou a escribir esta historia de amor e desamor?
– Iria Collazo (IC): Hai oito ou nove anos que veño recompilando experiencias, sensacións e reflexións sobre da literatura, as relacións persoais e de parella, o desengano, tanto amoroso coma da propia vida, a nostalxia, o cambio ou a espera. Pólas por escrito axúdame a entender mellor o que penso e tamén a exorcizar algún deses fantasmas que todas levamos soterrados.
– ND: É a historia de dúas persoas que se atopan na escrita pero que se afastan na vida. Que lle interesaba explorar desa tensión?
– IC: Non defino a obra tanto como unha historia, senón que máis ben, a través de frases, de citas doutros escritores e escritoras, ou do relato de vivencias íntimas, imos construíndo o universo no que habita a voz narradora, que só nalgúns fragmentos se refire directamente a un “ti”; un narratario co que fala e intenta desafogarse, sen conseguilo. A partir da expresión do seu sentir máis fondo, das súas reflexións sobre o amor, a morte, o paso do tempo ou a esperanza de que todo mude, podemos internarnos no desacougo dunha muller que escribe para ser amada pero que non dá atopado na vida o abrazo que precisa. (…)”

Andrea Nunes Brións: “Begoñísima lémbranos que a maxia máis poderosa é a que nace do colectivo”

Entrevista de Sergio Casal a Andrea Nunes Brións en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que achega Begoñísima á visión sobre a vida e obra de Begoña Caamaño?
– Andrea Nunes Brións (ANB): Esta publicación quere ser unha porta de entrada á figura de Begoña para lectoras e lectores novos. Non é propiamente unha biografía ao uso, senón un relato que intenta transmitir quen foi e que defendía Bego: unha muller comprometida coa lingua, co feminismo, co antimilitarismo e co xornalismo crítico. O libro busca achegar a súa historia dun xeito próximo e emocional para que as novas xeracións poidan descubrir non só a autora, senón tamén a persoa que era e o contexto no que desenvolveu a súa voz. Ademais, Begoñísima lémbranos que a maxia máis poderosa é a que nace do colectivo. É tamén unha homenaxe a todas as persoas que se organizan, que soñan xuntas e que transforman o mundo desde o coidado e a rebeldía.
– ND: Como persoa achegada a Begoña, que elementos destaca dela como escritora, como xornalista e activista e como persoa?
– ANB: Begoña Caamaño tiña unha enorme claridade ética. Como xornalista, foi unha voz moi lúcida e valente, sempre comprometida coa realidade do país, co feminismo, co antimilitarismo, coa defensa dos dereitos sociais e con moitas máis cuestións. Como escritora, tiña unha capacidade extraordinaria para revisar os relatos tradicionais e darlles unha nova perspectiva, especialmente desde as mulleres que quedaron nas marxes das historias oficiais.
E como persoa, destacaría a súa xenerosidade e a súa capacidade de escoitar o resto. Era alguén que acompañaba, que abría espazos e que facía comunidade arredor dela. (…)”

Antón Costa Rico: “O importante para Viqueira é a formación do carácter e a personalidade do alumnado”

Entrevista de Sergio Casal a Antón Costa Rico en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Cales son as principais cuestións filosóficas que afronta Viqueira como pensador?
– Antón Costa Rico (ACR): Está moi ligado ás cuestións filosóficas e psicolóxicas. A conciencia humana, a ética e a estética incluso. Os seres humanos somos actividade e dinamismo, un feixe de posibilidades e creatividade que debemos desenvolver con outras persoas, en comunidade. A partir desas ideas hai un substrato filosófico influído polo neokantismo marburguense e, particularmente, polo filósofo alemán Paul Natorp, que fala bastante da construción de comunidades humanas e faino en clave idealista.
– ND: Que aspectos do pensamento humanista de Viqueira resultan máis destacábeis?
– ACR: Tendo en conta o anterior, el di que Galiza tamén é unha comunidade humana. El é membro da institución libre de ensinanza e as persoas ligadas a esta institución teñen un fondo de conexión filosófica con outro filósofo alemán que é Krause. A tradución dos seus textos de alemán fíxose ao español cun título que é El ideal de la humanidad. Hai unha idea de que o conxunto da humanidade é moi orgánico entre si. Son pezas e momentos de realización progresiva a unha superior humanización. (…)”

Adela Figueroa, escritora: “Galiza ten unha cultura de seu, latexante, e só se pode salvar unida á súa natureza”

Entrevista de Sergio Casal a Adela Figueroa Panisse en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que cuestións quixo explorar neste libro?
– Adela Figueroa (AF): Este libro trata un asunto que, desde o punto de vista da bioloxía, é importantísimo. Falamos dos cortexos que fan os distintos elementos dun par para conseguir a reprodución das especies en toda a natureza. Nas plantas, animais e, sobre todo no ser humano, o erotismo alcanza niveis requintados de poesía. O libro é un canto á vida e á esperanza.
– ND: Como diría que é o erotismo na natureza?
– AF: Cando se reproduce a vida, sempre hai unha expectativa de futuro e o erotismo é o instrumento que os seres humanos utilizamos a imitación do resto da natureza. Os cortexos nupciais máis vistosos danse entre paxaros, tamén as flores son elementos eróticos para a reprodución da planta. Todo na natureza fálanos de erotismo.
– ND: Cal é para vostede a vinculación entre o erotismo e as cereixas?
– AF: A cereixa paréceme un elemento moi erótico. O feito de mordela, por exemplo. Tamén o figo. Desde moi antigo, os figos considéranse tamén froitos de tipo erótico. As cantigas de amigo e de amor teñen tamén imaxes deste erotismo na natureza. Todo na natureza, sobre todo neste tempo no que o inverno comeza a ser vencido e se anuncia a primavera, fala dun rebentar da vida no hemisferio norte. (…)”