Fina Roca: “A poesía sempre foi para min un xeito de expresar o que de verdade sinto”

Entrevista de Ramón Loureiro a Fina Roca en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Un libro singular
– Fina Roca (FR): Si, un libro a dúas voces, que recolle poemas do tempo da miña xuventude, versos de poemarios que permanecían inéditos, e ademais todas esas imaxes, coma nun álbum persoal. Un libro que, grazas ao labor da miña filla, e a como o deseñou, é o que é.
– LVG: Se lle pregunto pola súa infancia, cales son as primeiras imaxes que lle veñen ao pensamento?
– FR: A casa nacín en Canido xa non existe, xa non está. Pero de Santa Mariña, que na miña nenez era un lugar cheo de hortas, teño moitos máis recordos. Alí foi onde aprendín a ler a escribir. Recordo moito aquela escola á que eu ía tan contenta, como recordo tamén os camiños entre as hortas, polos que eu ía cantando. Foi un fermoso tempo.
– LVG: Que é, para vostede, a poesía?
– FR: A poesía para min sempre foi un xeito de expresar o que de verdade sinto.
– LVG: Pero ata agora apenas publicara versos…
– FR: Así é. Publiquei cousas moi diferentes. Pero a poesía estaba aí. Tiña poemarios inéditos que fun gardando para min mentres o tempo pasaba. E agora chegou un momento da miña vida, tras deixar atrás momentos moi difíciles, nos que creo que xa é hora de dar a coñecer eses versos, de ir rescatando todo ese material. (…)”