Eugénio Outeiro, escritor: “Desde que empecei a escribir, tiña a idea de facer algo que homenaxease a Illa de Arousa”

Entrevista de María Amigo a Eugénio Outeiro en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Antes de escribir o libro, que papel ocupaba esta historia de represión na súa memoria persoal?
– Eugénio Outeiro (EO): Son historias que escoitei durante toda a vida, desde pequeno na casa, contábaas meu pai. Dalgunha maneira fun crecendo con elas como se fosen algo normal, aínda que eran terríbeis, pero como moitas outras cousas da infancia víaas como algo cotiá, non lles daba importancia. Meu pai decidiu recoller estas historias nun libro, chámase Papel de Estraza (Fernando Salgado e Juan Otero). Cando lin o libro foi cando tomei conciencia da dimensión de todos os feitos do 36. Ao ser unha historia xa coñecida, chegoume máis fondamente. Ademais esta era unha historia de familia até certo punto, aínda que ningún dos mortos era familiar directo meu, a miña familia si que estivo alí.
– ND: Como a contorna da Illa influíu no seu proceso creativo e na escrita?
– EO: Eu son da Illa de Arousa, aínda que vivo fóra, pero penso que todos os que nacemos nunha illa temos unha relación especial con ese territorio. Desde sempre, desde que empecei a escribir, tiña a idea de que quería facer algo para homenaxear a Illa, pero non atopaba a escusa, e isto deuma. A paisaxe aparece citada en moitos versos, sobre todo a paisaxe marítima, o mar é a metáfora máis importante do libro.
Son budista, e na tradición budista, concretamente na Mahāyāna, a metáfora do mar serve para explicar o que é a conciencia fundamental, a Alaya. Esta sería a conciencia depósito onde se gardan as mentes de Karma e da cal sae todo o que existe. Buda viaxa da India a Sri Lanka, que precisamente é unha illa. A metáfora que configura a historia é a do mar, entendendo o mar como algo en si mesmo, como a conciencia fundamental da que saen ondas.
Esta idea está implícita en todo o meu libro, eu mesmo sentinme como unha onda dese mar de conciencia e desa historia. O que quixen foi esculpir unha onda e que esa memoria fose vista. (…)”