Cynthia Menéndez e Carmen V. Valiña gañan o Premio Antón Losada Diéguez con dúas obras de forte compromiso social

Desde Galaxia:
“O concello ourensán de Boborás acolleu o fallo da 41.ª edición do Premio Antón Losada Diéguez, un dos galardóns máis prestixiosos das letras galegas, que nesta ocasión recoñece o traballo de Cynthia Menéndez e Carmen V. Valiña por dúas obras publicadas por Editorial Galaxia.
O xurado, composto por representantes das tres universidades galegas, a Real Academia Galega e o Museo do Pobo Galego, entre outras institucións, destacou o valor de dúas propostas que sobresaen pola súa innovación e compromiso social.
Na modalidade de creación literaria, resultou gañadora Son coma glaciares os barcos de aceiro, de Cynthia Menéndez, unha novela que, segundo recolle a acta, constitúe unha «narración de alento lírico e esteticamente innovadora». O tribunal puxo en valor tamén a elección temática da obra, centrada na mobilización sindical do naval de Vigo nos anos noventa, un escenario aínda pouco explorado na literatura galega.
Pola súa banda, na categoría de ensaio e investigación, o galardón recaeu en As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo (1885-1936), de Carmen V. Valiña. O xurado salientou a capacidade da autora para combinar o rigor histórico cun estilo próximo á narrativa de ficción, ofrecendo unha análise crítica da realidade das mulleres internadas no sanatorio compostelán e abordando cuestións como a violencia machista ou a disidencia social.
A deliberación estivo presidida pola alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, na súa condición de presidenta da Fundación Antón Losada Diéguez. O certame, impulsado polos concellos de Boborás e O Carballiño e coa colaboración da Deputación de Ourense, está dotado con 6.000 euros para cada unha das gañadoras.
A cerimonia de entrega terá lugar o vindeiro 13 de xuño no pazo de Moldes (Boborás), nun acto literario que homenaxea a figura de Antón Losada Diéguez.”