Entrevista a Antonio Tizón na revista A Movida:
“(…) – A Movida (AM): Despois de cinco obras da serie do inspector Sánchez Pereiro, que supón pechala?
– Antonio Tizón (AT): Pechar esta serie supón unha combinación de varias sensacións; algunhas delas, contraditorias. Sinto á vez alivio e nostalxia. Nostalxia por poñer fin a un mundo propio, creado por min e para min, primeiro, e logo para toda a xente que decidiu incorporarse a estas historias a través da súa lectura. E alivio case pola mesma razón, por ser capaz de rematar un proxecto no que levo embarcado durante moito tempo, a maior parte da miña vida literaria. Porque, efectivamente, estiven moito tempo, bastantes anos antes da publicación en 2015 da primeira novela da serie, A antesala luminosa, á que seguiron Un home estraño (2018), Os incurábeis (2020), Lobos doentes (2023) e Madriña (2025), escribindo e reescribindo esta pentaloxía, que sempre considerei e considero aínda agora un proxecto interesante, orixinal e ambicioso, e que, no seu momento, sobre o 2011, lle presentei a Manuel Bragado, daquela editor de Xerais. O que pretendía, xa daquela, era crear unha serie de novelas, independentes pero complementarias, que abordasen, desde distintas perspectivas, a temática do trastorno mental e, ademais, en clave de xénero negro.
– AM: Cal é a xénese desta pentaloxía?
– AT: Todas elas, as cinco, se localizan nun marco xeográfico e histórico determinados e, en todas, existe un punto de partida, a xénese de cada trama, onde me fago unha serie de preguntas para as que, ás veces, nin sequera teño respostas definitivas, e que, en todo caso, debe intentar responder tamén o lectorado. Preguntas coma estas: 1) Por que se volve tolo un rapaz de 21 anos, sen problemas aparentes, en plena Transición, nunha sociedade convulsa? 2) Foron causas ambientais ou xenéticas? 3) Pode a literatura ser eficaz, como medio de expresión artística, á hora de abordar un tema como o trastorno mental dunha forma rigorosa e en clave de xénero negro? 4) Pode concibirse a loucura como algo romántico, creativo, positivo e, incluso, marabilloso? 5) Que ocorre cando esa concepción romántica da loucura choca coa realidade? 6) Que pasaría se levásemos ese concepto de guerra preventiva, tan de moda tras o 11-S, o marco histórico da terceira novela da serie, Os incurábeis, a todos os ámbitos sociais, incluído o da psiquiatría? 7) Que facer coas persoas que padecen enfermidades mentais graves (esquizofrenia, TB)? Teñen cura ou son incurábeis? 8) Son persoas normais ou especialmente violentas, perigosas? 9) E, se son un perigo, como tratalas? Teñen bo ou mal tratamento? 10) Por que se confunde tan a miúdo a loucura coa maldade, a perversidade? Preguntas que, en definitiva, se poden resumir en dúas ou tres (que facer coa loucura, que facer coa sociedade, que facer coa existencia…), preguntas que intento responder nesta pentaloxía, que pecho con Madriña. (…)”