Entrevista a Alba Tomé arredor de As humidades

Entrevista de Sara Valcárcel a Alba Tomé en Galaxia:
“(…) – Galaxia (G): Como nace As humidades e que che levou a escribir esta historia?
– Alba Tomé (AT): Naceu aló por 2022, cando estaba traballando no Congreso dos Deputados. Nunha tarde na que estaba moi enfadada escribín a primeira frase. Por aquel entón, trataba de entender o que era a política para min, e sobre todo, como debería ser un político. Comecei a reflexionar sobre cando entramos en contacto as persoas coa política, cando escoitamos por primeira vez conceptos como norma, xustiza, castigo, negociación… termos que damos por necesarios no noso día a día. Un control sobre nós por se desatamos o caos. Fixen borradores sobre a analoxía existente entre a figura do pai e o político, o Estado como a extensión do pai na casa, e nun primeiro momento quería facer un ensaio ao respecto, pero a ficción arrastroume. Interesábame a idea de crear unha nena que se alzase contra ese primeiro goberno que na novela é o seu pai, unha figura opresora e violenta, que se insurxise dende a acción e tamén dende a agresión. Explorar a maldade co único fin de vingarse con quen pretende impoñerse. Negarlle o poder a un pai, para que precisamente, deixe de telo.
– G: Que papel xoga a infancia na novela?
– AT: A infancia é a aprendizaxe brutal do mundo. É o momento no que aprendemos que as liberdades que nacen no noso interior teñen consecuencias. A narradora é unha nena que recibe violencia do seu pai, que é o home da casa, e á vez que o identifica como algo inxusto, imperdonable, non deixa de querelo. A infancia é esa parte da vida onde experimentamos un amor sen igual, un amor que é moi difícil curar cando somos maiores. Co cal, unha nena que sofre violenta paterna vai atoparse nunha dualidade. Neste caso, a de desexarlle mal ao seu pai, o seu inimigo, e á vez, non pode desfacerse da admiración que sinte por el, e o que é peor: cre que así son as relacións humanas, entende que é tan normal e lóxico sentir amor e odio a partes iguais. Ao mesmo tempo, o feito de que a narradora sexa unha nena, deixoume moito espazo para a inocencia, o humor, a vinganza que se desfruta como se dun xogo se tratase. (…)”