



Entrevista a Alba Tomé na Televisión de Galicia:
“É un relato sobre o maltrato infantil inspirado na súa propia historia persoal. Con As humidades quedou finalista do Premio Illa Nova de Narrativa na súa última edición, un galardón que busca impulsar obras inéditas de novos talentos. A entrevista pode verse aquí.”
O programa pode consultarse aquí.
Entrevista de Sara Valcárcel a Alba Tomé en Galaxia:
“(…) – Galaxia (G): Como nace As humidades e que che levou a escribir esta historia?
– Alba Tomé (AT): Naceu aló por 2022, cando estaba traballando no Congreso dos Deputados. Nunha tarde na que estaba moi enfadada escribín a primeira frase. Por aquel entón, trataba de entender o que era a política para min, e sobre todo, como debería ser un político. Comecei a reflexionar sobre cando entramos en contacto as persoas coa política, cando escoitamos por primeira vez conceptos como norma, xustiza, castigo, negociación… termos que damos por necesarios no noso día a día. Un control sobre nós por se desatamos o caos. Fixen borradores sobre a analoxía existente entre a figura do pai e o político, o Estado como a extensión do pai na casa, e nun primeiro momento quería facer un ensaio ao respecto, pero a ficción arrastroume. Interesábame a idea de crear unha nena que se alzase contra ese primeiro goberno que na novela é o seu pai, unha figura opresora e violenta, que se insurxise dende a acción e tamén dende a agresión. Explorar a maldade co único fin de vingarse con quen pretende impoñerse. Negarlle o poder a un pai, para que precisamente, deixe de telo.
– G: Que papel xoga a infancia na novela?
– AT: A infancia é a aprendizaxe brutal do mundo. É o momento no que aprendemos que as liberdades que nacen no noso interior teñen consecuencias. A narradora é unha nena que recibe violencia do seu pai, que é o home da casa, e á vez que o identifica como algo inxusto, imperdonable, non deixa de querelo. A infancia é esa parte da vida onde experimentamos un amor sen igual, un amor que é moi difícil curar cando somos maiores. Co cal, unha nena que sofre violenta paterna vai atoparse nunha dualidade. Neste caso, a de desexarlle mal ao seu pai, o seu inimigo, e á vez, non pode desfacerse da admiración que sinte por el, e o que é peor: cre que así son as relacións humanas, entende que é tan normal e lóxico sentir amor e odio a partes iguais. Ao mesmo tempo, o feito de que a narradora sexa unha nena, deixoume moito espazo para a inocencia, o humor, a vinganza que se desfruta como se dun xogo se tratase. (…)”