“A AELG vén de recibir a adhesión da Euskal Idazleen Elkartea (EIE) e da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC), coas que conforma a Federación Galeusca, ao comunicado de apoio e solidariedade con Suso de Toro, despois de que o recoñecido escritor denunciase que está a ser vítima de ataques á súa liberdade de expresión.
Como xa se indicaba entón, os ataques proceden dun lobby proisraelí que alardea de ter denunciado o noso autor na Audiencia Nacional por ter criticado o Estado de Israel polas súas accións contra Gaza e o pobo palestino. A día de hoxe, de Toro segue sen recibir ningunha comunicación oficial de calquera tipo.
A Federación Galeusca considera que non se poden permitir os ataques á liberdade de expresión das autoras e autores, e reclama a implicación das institucións na condena deste tipo de actos de propaganda que atacan a democracia e buscan a autocensura das persoas creadoras sensibilizadas coa causa palestina. A Federación Galeusca comparte coa AELG que “A defensa dos dereitos humanos é unha responsabilidade e unha obriga ética de todo escritor ou escritora”, como sinalara a pasada semana Cesáreo Sánchez, o seu presidente.
A Federación Galeusca será firme na denuncia das agresións á liberdade de expresión e apoiará a adopción das medidas legais necesarias. Nomeadamente cando se están denunciando feitos que, hoxe por hoxe, non se cuestiona que son un xenocidio contra o pobo palestino. En Gaza está a cometerse un crime de guerra e de lesa humanidade, como o cualificou a Comisión Internacional Independente de Investigación da ONU.”