Estíbaliz Espinosa obtén o XXXIX Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

Desde Cultura Galega:
“O Concello de Dodro daba a coñecer o fallo do XXXIX Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón. O xurado seleccionou a obra Osa # M de Estíbaliz Espinosa como vencedora deste certame entre as 46 obras que se presentaron a concurso. A autora recibirá 2.500 euros en metálico e verá publicada a súa obra en 2027 por “unha editorial de recoñecido prestixio”, segundo apunta o Concello.
O xurado estivo composto polas poetas Vanessa Glemsel, Inés Mosquera e Emma Pedreira, xunto co alcalde de Dodro, Xabier Castro, e o concelleiro de Cultura, Ramón Abuín. No seu fallo destacan que o poemario galardoado “crea, nunha obra de arquitectura depurada en catro movementos, unha mitoloxía do coidado e dos coidados. A estrañeza material fronte á natureza do universo, expresada cunha dicción precisa e preciosa, chea de notas musicais. Trátase dun poemario que abala sobre unha triple capa temática: a música, a ciencia e os coidados que crean un ambiente perfectamente estruturado entre o amniótico, o onírico e o crítico”.
Canda a isto salienta “unha composición de madurez poética, que transforma todos estes materiais cientíticos, musicais mitolóxicos e biográficos nunha experiencia lírica de alto impacto, elevando o concepto de maternidade a unha categoría existencial que abrangue a creación, a transformación, a vulnerabilidade e os coidados (resoa o concepto de matrescencia acuñado por Dana Raphael) e dálle voz a outras maternidades máis esquecidas na produción literaria. Unha proposta acolledora, envolvente, cunha escrita que conecta diversos e vastos universos que desembocan nunha revelación emocional inesperada”.
Espinosa suma este galardón a un palmarés no que xa conta con premios como o Esquío, o Díaz Xácome, ou o de Afundación. A entrega do galardón está previsto para o vindeiro 12 de decembro nun acto que conmemorará os 40 anos do pasamento de Eusebio Lorenzo Baleirón.”