Entrevista de María Bueno a Suso de Toro en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): Por exemplo á literatura infantoxuvenil. Sorpréndeme velo como autor deste xénero. Cambia moito escribir para persoas máis novas?
– Suso de Toro (ST): Tes en conta certos aspectos e límites na expresión, pero ao mesmo tempo eu intento que non resulte cursi ou ñoño, que tamén o poida ler eu como adulto. Neste caso, escribir sobre Joseph Haydn a min propúxomo o músico Luis Soto, da Real Filharmonía de Galicia. O desafío era ‘a ver como fago para non contar o que xa está contado’ porque ademais Haydn foi un home cunha vida moi apracíbel. Entón xurdiu a posibilidade de facer unha fuga, un desvío a Galicia, nas dúas viaxes que fixo a Inglaterra. E esa foi a cousa.
– FV: Menos a viaxe a Galicia, todo o que relata está documentado. Chaman a atención todas as referencias históricas e musicais da novela… Non tiña nin idea da orixe compostelá da Chacona.
– ST: Iso si que hai un músico que cito no libro, Fernando Reyes, que fixo estudos e demostrou que hai unha posibilidade real, pero ademais tamén é certo que nesa época hai un cambio na música que se fai en Galicia, que consiste en pasar da influencia italiana á vienesa, precisamente de onde é Haydn; e tamén houbo corsarios en Carril. Logo fun calzando pezas. Arrimei un pouco a sardiña á brasa (ri). Vou descubrindo tamén, tamén un vai aprendendo cos anos e coa práctica, que canto máis te documentas, canto máis sabes e canta máis información tes, tamén máis espazo cabe para imaxinar. Digamos que xa non é fantasía, é imaxinación.
– FV: Escachaba coa risa. Foi vostede capaz de pórlle retranca galega ao mesmísimo Mozart, e perfila a Haydn coa inocencia e a curiosidade dun rapaz. Son estas as características do artista?
– ST: No caso de Haydn, el é descrito polos seus contemporáneos como unha persoa de bo carácter, pero hai outra cousa: todos nós, sexamos como sexamos, cando nos trasladamos de viaxe e deixamos atrás a nosa vida diaria e as nosas preocupacións, sentímonos máis tranquilos e libres. Vivimos unha situación dun certo regreso á infancia e iso foi o que quixen contar coa personaxe.
Pero sobre a inocencia: eu si creo que os artistas precisan dunha certa abertura ante a vida porque o artista non debe dar por feito a realidade, nin pensar ou vivir con ideas previas, debe ser capaz de ver cada momento e personaxe por el mesmo. (…)”