Galicia Encantada: 20 anos de travesía virtual

Desde Galicia Encantada:
“O vindeiro 5 de marzo de 2025, a web Galicia Encantada: Enciclopedia da Fantasía Popular de Galicia cumprirá 20 anos de travesía virtual.
Galicia Encantada naceu en marzo de 2005, aproveitando as posiblidades que ofrecía xa daquela a rede internet, para comunicar, estudar, divulgar e preservar para o futuro o noso patrimonio oral inmaterial, centrándose especialmente na literatura de tradición oral.
Galicia Encantada foi concebida desde os seus inicios como un ferramenta interactiva e dinámica, colaborativa e aberta gratuitamente a todas aquelas persoas de calquera parte do mundo que tivesen interese en coñecer a nosa cultura oral. Recibiu e recibe milleiros de consultas.
Desde os inicios publicáronse máis de 3000 arquivos e contamos coa colaboración de varias ducias de colaborador@s que desinterasadamente foron achegando textos e notas de interese para os obxectivos da web.
Nestes 20 anos, foi consultada por milleiros de persoas de todo o mundo, foi usada como recurso didáctico para manuais escolares e nas aulas, tanto polo profesorado como polo alumnado de numerosos centros. Serve, ademais, como arquivo documental para proxectos creativos moi variados, desde o deseño de xogos baseados na nosa mitoloxía popular e na literatura galega de tradición oral até traballos universitarios.
O creador e coordenador do proxecto, o escritor e investigador, Antonio Reigosa, conta desde os inicios co impagable apoio técnico da empresa Desarrollos Lugonet e coa excelente colaboración gráfica de Noemí López.
Galicia Encantada non contou nin conta con patrocinio de ningún tipo, nin público nin privado.
Sobre os contidos de Galicia Encantada impartíronse varios relatorios en diferentes xornadas e cursos de formación, tamén se publicaron numerosos artigos e dous libros: Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías e Guía de campo da Galicia Encantada. Dos seres míticos e dos lugares que habitan. (…)”