Da ecoloxía ao bravú: o Losada Diéguez premia Manuel Rivas e Alberto Pombo

Desde Nós Diario:
“A edición número 40 do Premio Antón Losada Diéguez recoñeceu esta semana o traballo de dúas figuras de referencia na cultura galega: o profesor e ensaísta Alberto Pombo e o escritor Manuel Rivas. Os dous autores foron elixidos de maneira unánime polo xurado, que destacou a excelencia das súas obras e a súa contribución á literatura galega actual.
Na modalidade de Investigación e Ensaio, o premio foi para Alberto Pombo, profesor de literatura e impulsor da campaña “Aquí tamén se fala”, considerada a maior mobilización da mocidade galega a prol da lingua. A súa obra Verso e acorde. Relacións entre literatura galega e música pop (1950-2000), publicada por Edicións Xerais, parte dunha exhaustiva tese de doutoramento que traza as ligazóns entre a música popular —do rock ao bravú, pasando polo punk ou a música infantil— e a literatura galega.
O xurado salientou a importancia de afondar na chamada “outra música” e subliñou o valor dun traballo que aplica os enfoques máis actuais dos estudos culturais á realidade galega. “Desprega ante o público lector a obra dunha xeración que soubo arrequecer o panorama musical do século XX desde o compromiso coa cultura de noso”.
Na modalidade de Creación Literaria, o premio recaeu en Manuel Rivas, quen vén de ser tamén recoñecido co Premio Nacional de Literatura. A súa última novela, Tras do ceo (Edicións Xerais), foi destacada pola súa calidade literaria e polo uso da lingua, construíndo un relato que mestura elementos xa clásicos na obra do autor cunha mirada fondamente contemporánea.
O xurado do premio —convocado de forma anual polos concellos de Boborás e O Carballiño, co patrocinio da Deputación de Ourense— puxo o foco na forma en que Rivas aborda o conflito entre natureza e civilización, denunciando un modelo que destrúe o hábitat humano e espiritual. “Manexa con suma habelencia unha progresiva tensión narrativa”, sinalan, destacando a súa capacidade para provocar reflexión e emoción nas lectoras e nos lectores a través de escenas de desigualdade, violencia e destrución.
A decisión foi adoptada por unanimidade por un xurado composto por Diego Fernández Nogueira (concelleiro de Cultura do Carballiño, que actuou como presidente), Patricia Torres (alcaldesa de Boborás), César Fernández (deputado provincial de Cultura), Lourenzo Fernández (da Real Academia Galega); Dolores Vilavedra (do Consello da Cultura Galega), María Xosé Fernández (do Museo do Pobo Galego), e Antonio Salgado, Benigno Salgado e Carme Fernández (como representantes respectivos das universidades de Santiago, Vigo e A Coruña).
Os galardoados recibirán unha dotación económica de 6.000 euros, xunto cunha peza escultórica do recoñecido artista Acisclo Manzano. (…)”