Entrevista de Olalla Sánchez a Marilar Aleixandre en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): A obra céntrase non tanto na violación física como na social de despois…
– Marilar Aleixandre (MA): Si, inspirada no mito de Medusa, castigada despois de ser violada a levar serpes por cabeleira, eu quería reflectir como nos días seguintes á violación, as rapazas descobren, ao igual que a Medusa, que moitos non se atreven a miralas en fite, intentando facer repensar sobre quen debe avergoñarse. A distinta postura dos pais das mozas, que se debaten entre denunciar ou non, polas complicacións que lles pode ocasionar, é algo central.
– LVG: Como fora e é recibida a obra?
– MA: Sempre moi ben. Os rapaces nunca tiveron problemas co libro. Cun argumento tratado de maneira delicada, hai que confiar neles cando se trata de chamarlle ás cousas polo seu nome. Iso si, lembro comentarios, illados, duns comerciais, cando a obra se traducira tamén ao castelán [está tamén en éuscaro e inglés], de que era un tema que non interesaba nos institutos… Non obstante, aínda agora, 17 anos despois de publicarse, seguen chamándome de distintos centros para ir falar sobre ela. Hai pouco contactáronme dun para unha charla sobre as mulleres na Academia. En plena polémica polas mandas, eu propuxen a cambio un debate cos estudantes sobre A Cabeza de Medusa. Ao comezo no centro tiñan reservas por se non era un libro adecuado para cuarto da ESO, algo que eu non entendía. Ao final fíxose, e mentres eu lles introducía en porcentaxes de mulleres que foran acosadas e violadas, trasladando o cálculo a cantas das cen nenas alí presentes lles podería pasar, unha rapaza da primeira fila ergueu a man e relatou: «Eu fun violada». Case caio. Pensei en como mudara todo. Antes era algo que se ocultaba…
– LVG: Aínda así, moitos falan de regresión entre os mozos ante o auxe do feminismo…
– MA: O risco de volver para atrás sempre existe; vémolo agora con todo o que acontece. Pero as mulleres adoptaron a perspectiva feminista e iso é importante. Eu nas presentacións en institutos noto que cada vez hai máis preguntas de rapaces. Algo que tamén percibo é que, fronte a series que poñen en dúbida o papel dos mestres, moitos están atentos ao que acontece, tratando de facerlles ver bulos das redes. (…)”